
O Concello de Ordes acaba de recibir a subvención do IDAE por importe de 405.359,68 euros para comezar a licitar en un período inferior a seis meses a cuarta fase da actuación de aforro enerxético no alumeado público de varias vías públicas do municipio. O investimento para esa actuación englóbase no marco do Programa Operativo FEDER para o crecemento sostible 2014-2020, e conta cun orzamento total no proxecto de 506.699,60 euros. Estímase que tras esta actuación producirase unha redución de gasto de máis de 50.000 euros anuais e dun consumo enerxético de 331.299,98 kWh.
Algúns destes puntos presentan un estado deteriorado e contan con equipos obsoletos que fan moi recomendable a súa renovación co obxectivo de reducir o gasto enerxético. Todo isto mediante a utilización de tecnoloxías máis eficientes, a redución da potencia instalada, o axuste dos horarios de encendido e a implantación de sistemas de regularización de consumo segundo o horario. Tamén se pretenden minorar os gastos de mantemento mediante o aumento da vida útil das luminarias, a mellora das condicións de confort visual mediante o axuste de parámetros de iluminación a cada tipo de vial, así como coa adecuación das instalacións ao regulamento vixente.
As instalacións a reformar previstas nesta cuarta fase do proxecto caracterízanse polo emprego de luminarias obsoletas cun rendemento baixo, a utilización de lámpadas de vapor de mercurio e polo deterioro marcado polo paso do tempo.
Cada centro no que se intervirá inclúe a substitución de luminarias existentes por outras tipo LED, así como, onde sexa preciso, renovación dos brazos por uns que eleven a posición da fonte de luz. Tamén a renovación dos centros de mando actuais, a eliminación doutros e a conexión de liñas existentes a cadros a renovar. Unha vez reformadas todas as instalacións terán unha cualificación enerxética tipo A, cumprindo ademais co disposto no Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión.
Entre os lugares nos que se levarán a cabo os traballos figuran: o casco urbán do Mesón do Vento, a Adina e Cabeza de Lobo (Ardemil), Cruceiro (Mercurín), Pazo, Valiño e Cestaños (Parada), As Casillas, rúa Víctor Glez. Faya, rúa Eduardo Pondal, rúa Galicia, Villaverde, Espenica (Ordes), Guindiboo de Arriba (Pereira), Cruceiro (Barbeiros), Carrás e Albariña (Montaos), Carballedo, Bouciña e Quenllo (Buscás), e o Campo do Sino (Vilamaior).
Comments