O Concello de Oroso agarda recibir esta fin de semana a milleiros de persoas na primeira edición do Carboeiro Fest, que se desenvolverá dende as 11 da mañá do sábado na Área Recreativa do Carboeiro, e na quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, que a Asociación de Concellos do Camiño Inglés organiza o domingo na Alameda de Góis a partires das 11 menos cuarto da mañá.
A celebración do Carboeiro Fest oriéntase a un público familiar. Esta edición incluirá cinco actividades ao longo do sábado. A das 11h será unha sesión de ioga en familia, con prazas limitadas. A inscrición pode facerse no 981 690 903.
Ás 13h tocará a actuación do grupo musical Chungo Pastel, en cuxo repertorio salientan temas clásicos do pop-rock español. Posteriormente, das 16.30h ás 19h, a compañía Xogos Paporrubio coordinará diferentes xogos tradicionais. A humorista Bea Sanvil ofrecerá un monólogo cómico ás 18h.
A última actividade, que amenizará o serán, será a actuación de Disco Móbil La Gramola. Ademais, e ao longo do día, haberá inchables no parque e unha polbeira para o xantar.
En relación con estas dúas actividades “para todos os públicos” nunha “intensa” fin de semana, o alcalde de Oroso, Luis Rey, lembra que a Primavera no Camiño Inglés “tivera que ser aprazada debido ás previsións meteorolóxicas adversas” e salienta que “a organización e celebración de eventos relevantes que atraian xente é a mellor fórmula para xerar riqueza no pobo”.
Comentarios