O Concello de Oroso foi un dos grandes impulsores da revitalización do Camiño Inglés, unha ruta que bate récords cada ano e este semana da novo pasos para a súa promoción internacional. Antonio Leira, deputado provincial e concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Oroso, estivo na feira turística internacional 'World Travel Market' de Londres para promocionar o Camiño Inglés.
O obxectivo da súa presenza, materializada nun posto propio integrado no espazo de Turespaña, foi o de potenciar o mercado emisor británico, principal consumidor do Camiño Inglés, un produto turístico no que a Deputación da Coruña leva traballando durante os últimos anos.
Na xornada de onte, Leira desprazouse ata Reading, cidade coa que se está a colaborar na promoción e sinalización do Camiño Inglés. Xunto a Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, foron recibidos polas autoridades locais, universidades e asociacións da contorna e, ademais, levaron a cabo a instalación de sinalización do Camiño Inglés na localidade.
Leira aproveitou a viaxe para manter unha reunión de traballo cos empresarios locais, xa que Reading conta cun dos polígonos industriais máis importantes de Inglaterra, ademais dun Centro de Negocios tamén moi destacado.
“No polígono de Oroso traballan máis de 2.000 persoas e continuará a súa expansión nos próximos anos, polo que queremos coñecer a realidade doutros parques empresariais punteiros en Europa”, afirma Leira.
Kommentare