top of page

Oroso aproveitará o remanente para mellorar infraestruturas



O grupo de goberno do Concello de Oroso levará ao pleno deste xoves para a súa aprobación unha partida de 795.308,12 euros procedente do remanente municipal para diferentes obras e actuacións.


Despois da suspensión da regla de gasto e estabilidade orzamentaria por parte do goberno central, e grazas á boa xestión económica municipal dos últimos anos, o concello pode investir na mellora do municipio parte do remanente de tesourería do ano 2019.


Entre os proxectos, destacan as obras para a climatización da piscina municipal, unha actuación que tamén incluirá melloras nos vestiarios e unha sala para actividades fitness. O orzamento da actuación será de 473.791,66 euros.


Tras a recente instalación da cuberta, o concello realizará agora estes traballos, que permitirán desestacionalizar o uso das instalacións e os veciños e veciñas de Oroso poderán usar a piscina durante todo o ano.


Ademais destas obras na piscina, o concello aproveitará o remanente para diferentes traballos de pavimentación, abastecemento e renovación do alumeado nas parroquias de Oroso e no casco urbano.


“Temos unhas contas saneadas, aprobamos cada ano uns orzamentos e pechamos cada exercicio con superávit; desta maneira, podemos agora destinar parte dos cartos do remanente a mellorar os servizos e infraestruturas de Oroso”, explica o alcalde, Manuel Mirás Franqueira.

Comments


bottom of page