top of page

Oroso leva a Vía Verde a Fitur




O Concello de Oroso tivo un papel protagonista na edición do 2021 de Fitur, unha das feiras máis prestixiosas do mundo dentro do sector turístico.


Na actual situación de pandemia, os destinos de natureza son moi demandados, polo que os touroperadores valoran a aposta de concellos como Oroso pola contorna natural e as actividades ao aire libre.


A semana pasada presentouse na feira o vídeo ‘A Chamada do Camiño Inglés’, protagonizado polo xornalista Paco Nadal.


No vídeo, Nadal destaca a recuperación do parque do Carboeiro levada a cabo polo Concello de Oroso, así como o seu papel na revitalización desta ruta xacobea. Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, e Antonio Leira, concelleiro de Turismo de Oroso e deputado provincial, estiveron presentes na proxección.


Por outra parte, Mirás e Leira mantiveron un encontro con Maximiliano Cuevas Díaz, xefe de Proxectos Técnicos da Fundación de Ferrocarriles Españoles, moi interesado no papel do Concello de Oroso para impulsar a Vía Verde que unirá Santiago de Compostela con Cerceda.


De feito, Oroso foi invitado aos Premios Europeos de Vías Verdes 2021, que se celebrarán en setembro en Valencia, onde terá lugar unha xornada internacional co fin de dar difusión e promocionar o coñecemento e o uso das Vías Verdes.

“Atopamos moita receptividade aos proxectos impulsados por Oroso, sobre todo ao proceso que levamos a cabo como promotores da Vía Verde Santiago, Oroso, Tordoia, Ordes e Cerceda, onde o papel de Manuel Mirás foi fundamental”, explica Antonio Leira.

Comentários


bottom of page