O Concello de Oroso, tras os cambios no transporte metropolitano por parte da Xunta de Galicia nas liñas deste ano, negociou co Concello de Santiago varios cambios no percorrido inicial para incluír máis paradas no centro. Despois destas negociacións, a novo proposta do Concello de Santiago inclúe máis paradas no centro da cidade, pendentes de aprobación definitiva, o que mellorará o servizo para os orosáns que o utilizan a diario.
“Sería unha medida a curto prazo, pero o que realmente queremos é impulsar co Concello de Santiago e outros municipios limítrofes un consorcio comarcal de transportes para ter un servizo realmente bo, xa que o transporte metropolitano non cubre as nosas expectativas”, explicou o alcalde, Manuel Mirás, nun pleno municipal celebrado hoxe.
“Queremos tamén outras medidas, como unha liña que conecte os polígonos de Oroso, pero consideramos que o consorcio comarcal é a mellor iniciativa para impulsar dunha vez un transporte eficiente para veciñanza”, engadiu.
O Partido Popular critica que a súa proposta de solicitar paradas ao Concello de Santiago foi rexeitada polo goberno local. Igualmente ante a acusación do PSOE de Oroso de solicitar este Pleno para cobrar a súa asistencia, nos próximos días os Concelleiros do Grupo Municipal Popular publicarán nas redes sociais o xustificante de transferencia da donación do importe íntegro do cobrado por esta xestión, “porqué non todos somos iguais” apuntalou o portavoz, Alexander Doval.
No pleno aprobouse tamén de forma definitiva o Plan de acción para o clima e a enerxía (PACES) municipal. Oroso é o primeiro concello da comarca que xa ten listo o documento e o plan, que implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadeiro no 2030, aumentando o uso de enerxías renovables e baixando o consumo enerxético.
“Queremos ser pioneiros na aplicación do plan, Oroso ten un alto potencial natural e paisaxístico que temos que coidar entre todos, o respecto ao medio ambiente e a loita contra o cambio climático sempre foron prioridades da nosa acción de goberno”, afirma o alcalde.
Comments