top of page

Oroso pechou 2021 cun remanente de máis de 1.700.000 euros



O Concello de Oroso pechou o ano 2021 con superávit e un remanente de tesourería de 1.735.052,23 euros, "unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal", afirman dende o Concello. Engaden que "despois da suspensión da regla de gasto e estabilidade orzamentaria por parte do goberno central, e grazas a esta boa xestión económica, o concello pode investir na mellora do municipio gran parte deste remanente".


En concreto, o investimento en obras e proxectos será de 1.393.901,16 euros, entre os que destacan o remate das obras do novo auditorio e ampliación do centro cultural; a posta en marcha do carril-bici desde Sigüeiro ata a estación de Oroso; traballos de asfaltado en Ponte Carollo, e melloras no abastecemento en San Román, o lugar da Estación e Villalbarro-Mariñaos.


O concello construirá tamén unhas novas gradas no campo de fútbol de Oroso e renovará o alumeado en Alexandre Bóveda e a senda peonil de Estación (Oroso), ademais de destinar outras partidas á finalización de obras iniciadas o ano pasado.


Outros 300.000 euros do remanente, que será debatido nun pleno municipal a próxima semana, destinaranse a gasto corrente, principalmente a axudas e subvencións a asociacións e clubes deportivos, entidades culturais e Protección Civil.


“Temos un concello saneado, o que nos permite investir o remanente en obras, moitas delas nas parroquias e o rural, co único obxectivo de mellorar os servizos e infraestruturas de Oroso e, en definitiva, a vida dos nosos veciños”, asegura o alcalde, Luis Rey Vilaverde.

Comments


bottom of page