O Concello de Oroso fixo públicos hoxe os detalles da programación de Entroido 2022, que recuperará o tradicional concurso de disfreces e máscaras, e incluirá obradoiros, xornadas de repostería e mesmo un concerto.
O Concurso de Disfraces permitirá inscricións ata o 24 de febreiro e agrupará aos participantes en categoría adultos, ata os 16 anos, e categoría infantil. Poderán inscribirse en ambas categorías comparsas, cun máximo de 6 integrantes, en grupo, de 2 a 5 compoñentes, ou persoas individualmente.
En cada modalidade, tanto infantil como adultos, establécense premios, para o gañador/a e o finalista, de entre 120 e 500 euros. Ademais, outorgarase un premio especial para unha comparsa do Concello de Oroso por valor de 150 euros.
O obradoiro de máscaras venecianas para persoas adultas será o mércores 16 de febreiro de 17:00 a 19:00, no Centro Cultural. Os nenos e nenas a partir de 7 anos poderán participar no obradoiro o xoves 17 de febreiro, tamén de 17:00 a 19:00 no Centro Cultural.
Tamén se celebrará un concurso de máscaras, que se poderán entregar ata o 22 de febreiro ás 20:00 no Centro Cultural. Establécense tres categorías, de 7 a 9 anos, de 10 a 12 anos e unha categoría xeral. En todas as categorías establécense premios para o gañador/a e o finalista con vales en establecementos por valor dende 45 a 120 euros.
O Concerto da Escola de Música José Verea de Oroso celebrarase o venres 25 de febreiro ás 17:00 na carpa instalada diante do centro deportivo. Tamén o venres 25 celebrarse un obradoiro de elaboración de filloas e rosquiñas de entroido de 17:00 a 19:00 no Centro Cultural e dirixido a persoas adultas.
O sábado 26 de febreiro celebrarase o tradicional concurso de disfraces con saídas ás 17:30 do pavillón de deportes e un desfile de entroido con animación de rúa. Celebrarase tamén a entrega de premios do concurso de máscaras.
O luns 28 de febreiro celebraranse as xornadas reposteiras de Entroido con “Galletas de Pallaso”, dirixidas para nenos e nenas a partir de 5 anos no Centro Cultural. Haberá dous grupos: de 10:30 a 11:30 e de 12:00 a 13:00. Tamén o luns celebrarase a festa de disfraces ás 18:00 na carpa instalada diante do centro deportivo.
As xornadas reposteiras do mércores 2 de marzo pecharán a programación, coa actividade “Xelatina Creativa” para nenos/as de 5 anos en adiante no centro cultural. Haberá dous grupos: de 10:30 a 11:30 e de 12:00 a 13:00.
No obradoiro de máscaras venecianas, no concurso de máscaras, no concurso de disfraces e nas dúas xornadas reposteiras de entroido as prazas son limitadas. As persoas interesadas deberán inscribirse no teléfono 981 69 09 03.
Comments