Os concellos da comarca de Ordes suman a súa voz á defensa da diversidade sexual no Día do Orgullo
- Crónicas da comarca
- 28 jun 2022
- 1 Min. de lectura

Varios dos concellos da Comarca de Ordes posicionáronse hoxe, 28 de xuño, Día do Orgullo LGTBI, en defensa da diversidade sexual e da liberdade afectiva. Así, o Concello de Ordes publicou un vídeo en redes sociais onde reclamou "inclusión, igualdade e respecto" e se reivindicou como un concello "aberto á diversidade."
Algúns dos concellos sumáronse á campaña "Liberdade de ser e sentir" impulsada pola Deputación, como foi o caso do Concello de Oroso, que comezou a difundir varias pílulas informativas da man de Xácia Ceive para aclarar termos e conceptos relativos á diversidade sexual. Tamén o Concello de Trazo se adheriu á mesma campaña "co obxectivo de visibilizar a importancia da tolerancia e igualdade entre as persoas con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero".
Pola súa banda, o Concello de Cerceda reivindicou "a importancia da tolerancia e o respecto á diversidade sexual, colaborando para romper todas as barreiras e prexuízos, sen cabida na sociedade actual", e o de Frades uniuse á campaña da Federación Galega de Municipios e Provincias en defensa das persoas LGTBIQ+, sumándose "á histórica reivindicación de respecto á identidade que cada individuo sinte e conforme á cal decide vivir".
Comments