Os partidos políticos comezan a facer públicas as súas listas electorais para as eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro. Xa se coñecen as candidaturas provinciais dos tres partidos con representación no Parlamento de Galicia e doutros que aspiran a facerse con escanos na rúa do Hórreo.
Por parte do Partido Popular, Diego Calvo volve encabezar unha candidatura provincial que aspira a repetir as 14 actas de 2020 e asentar un novo goberno de Alfonso Rueda, que concorre por primeira vez como candidato á Xunta. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, será a número dous dunha lista composta tamén por rostros coñecidos do goberno autonómico de Alfonso Rueda como Ánxeles Vázquez, Ethel Vázquez, Fabiola García, Miguel Corgos, María Jesús Lorenzana, Martina Aneiros e Borja Verea. “Un auténtico equipazo”, opina Calvo, salientando que hai un 60% de caras novas. “Contamos na nosa lista con xente das tres grandes cidades, pero tamén de concellos tan dispares como As Pontes, Ribeira, Padrón, Cee, Carballo ou Betanzos, que permiten ter unha visión ampla de todo o que sucede na provincia”, expresou.
Conscientes da importancia da cita do próximo 18 de febreiro, e sabedores do traballo que os populares teñen por diante durante as próximas semanas, Calvo reclamou aos seus “un esforzo extra” para convencer aos galegos de que, só votando ao PP, Galicia poderá seguir sendo a “illa de estabilidade que é hoxe en día”.
Por parte do BNG, o Consello Nacional da organización nacionalista aprobou o 13 de xaneiro unhas candidaturas coas que aspira a mobilizar o “voto útil” na banda esquerda. Unhas candidaturas que, segundo destacou a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, “gañan impulso con novas incorporacións pero tamén apostan polo inmenso caudal de experiencia” acumulada durante os últimos anos polo grupo parlamentario. “A experiencia na oposición é un gran valor e un gran activo para liderar o próximo goberno de Galicia”, subliñou. A propia portavoz nacionalista e candidata á Xunta encabeza a candidatura pola Coruña, acompañada de Mercedes Queixas no número dous. A lista coruñesa dos nacionalistas péchase con representantes da cultura: o escritor compostelán Suso de Toro e o cantautor Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, antigo integrante de grupos emblemáticos como Fuxan os Ventos ou A Quenlla.
Ana Pontón amósase confiada de cara ás eleccións, considerando que “este é o momento de facernos cargo do goberno do País”. “Estamos preparados para gobernar desde a responsabilidade, a seriedade e o rigor”, para darlle á sociedade galego un goberno “sen ataduras nin servilismos a Madrid e que unicamente sexa leal aos galegos e as galegas”, resumiu.
Pola súa banda, os socialistas presentaron a súa lista ante a Xunta Electoral o 15 de xaneiro, encabezados polo seu secretario provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, xunto aos e ás integrantes da candidatura. Encabeza a lista a letrada Patricia Iglesias, xunto co antigo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira. No número 4 sitúase o secretario local dos socialistas composteláns, Aitor Bouza. En 2020, o PSOE acadou catro actas pola provincia da Coruña.
O secretario xeral provincial aposta por “poñer en valor o que está facer Pedro Sánchez por Galicia dende o Goberno de España". Pola contra, lembrou que “os intereses dos galegos e das galegas non se defenden indo nun autobús electoral por un rural onde hai tempo que non hai autobuses, cun conductor que leva moitos anos xestionando de xeito desastroso ese transporte metropolitano”, en referencia a Alfonso Rueda. En referencia á cuestión dos pellets, Fernández Piñeiro denunciou que “o o PP está mentindo e difamando, aplicando o mesmo manual que xa aplicaron co Prestige, do que xa sabemos as consecuencias”.
A cabeza de lista, a independente Patricia Iglesias, presentouse como “unha muller progresista, letrada da Xunta de Galicia, con vocación de servizo público dende hai case 20 anos” que se sente “plenamente identificada co proxecto progresista que lidera Besteiro”, unha “Galicia de avance, de buscar un futuro mellor, de non sentirse acomplexada”.
En canto a Sumar, que aspira a entrar no Parlamento de Galicia, a candidatura pola Coruña inclúe á candidata á Xunta, Marta Lois, antiga portavoz e concelleira no goberno municipal de Compostela Aberta. Profesora da USC, vai acompañada no número 2 por outro docente da mesma universidade, o politólogo e xornalista betanceiro Paulo Carlos López.
Comments