A Asemblea da Agrupación Socialista de Oroso reunida hoxe en Sigüeiro elixiu por aclamación a Luís Rey Villaverde como candidato á Alcaldía de Oroso en substitución de Manuel Mirás, quen anunciara recentemente a súa decisión de abandonar a política local despois de 38 anos. A votación dos afiliados socialistas finalmente non foi precisa, toda vez que a única candidatura presentada foi a liderada por Luís Rey.
“Hoxe é un día de sentimentos encontrados. Por unha banda, a honra de suceder a un alcalde referente en Galicia, pero tamén a tristura de ver que el se vai. O que vos podo prometer é que lle vou a poñer todas as gañas, toda a paixón e toda a ilusión”, afirmou o candidato á Alcaldía de Oroso.
Pola súa banda, Manuel Mirás asegurou que “o Concello queda en moi boas mans" e amosouse "convencido de que os veciños e veciñas de Oroso poden estar tranquilos porque á fronte deste Concello quedará unha persoa que vai continuar ou incluso mellorar a xestión que viñamos realizando ata o de agora”.
Comments