Os xogadores do Club Xadrez Oroso amosaron a súa destreza en Padrón
- Crónicas da comarca
- 1 feb 2022
- 1 Min. de lectura

Dende o Club Xadrez Oroso informaron hoxe de que nesta pasada fin de semana (29-30 de xaneiro) tiveron lugar en Padrón os Campionatos Provinciais de Xadrez 2022. Nestes participaron 9 xogadores e xogadoras da comarca: 5 da Escola de Xadrez de Oroso (Zaira, Christian, Sasha, Enma e Laura) e 4 da de Ordes (Roi, Miguel, Hugo e Yerai).
"Todos fixeron un gran traballo e incluso moitos deles estiveron loitando por postos de podium ata a derradeira partida, destacando o bronce acadado por Christian Noya Mellado na categoría Sub-8", explican dende o club. Engaden que "mención especial merecen os 4 xogadores da Escola de xadrez de Ordes (xa que era a súa primeira participación nun torneo de xadrez), porque loitaron como se xa levasen moito máis tempo competindo en campionatos oficiais, xogando de igual a igual co resto de xogadores e xogadoras chegados de moitos concellos da provincia da Coruña".
Dende o Club amosan o seu agradecemento ao mestre Roberto Patiño "que imparte as clases de xadrez tanto en Ordes como en Oroso, e que foi quen de facer que en poucos meses todos estes rapaces e rapazas puidesen desfrutar do xadrez competindo a un excelente nivel".
Agora todo o xadrez galego prepárase para o inicio da Liga Galega de Xadrez 2022 o día 12 de febreiro e na que o Club Xadrez Oroso participará con 3 equipos de alto nivel (un equipo en 2ª división e dous equipos en 3ª división).
Comments