O portavoz do grupo municipal do BNG de Ordes, Pablo Vidal, repite como candidato á alcaldía de Ordes nas próximas eleccións municipais. O candidato agradece a confianza depositada pola asemblea local do BNG, e manifesta sentirse “preparado para asumir a responsabilidade de sacar Ordes da deriva na que se atopa sumido, e volver a ser a referencia da comarca”.
Para o nacionalista, “Ordes leva sete anos en caída libre e sen freos”. Vidal considera que “no PP son conscientes diso e intentan tapar as vergoñas cunha fachada de obras e propaganda, que non soluciona os problemas cotiáns da veciñanza nin reverte a tendencia”.
O candidato á alcaldía comprométese a “traballar desde o primeiro minuto para conseguir ese concello co que a veciñanza soña”. Neste sentido, asegura ser “consciente do grande retraso que acumula o noso concello, pero estamos seguros de que coa forza de todos e todas, conseguiremos ser un referente de vila próspera e con futuro”.
“Cremos no potencial de Ordes”, reitera Vidal, quen asume o reto “de recuperar a vida nas parroquias e nas rúas da vila”.
“Gobernaremos con humildade, sabendo escoitar e atendendo as problemáticas da veciñanza, pois temos claro que é o alcalde que está ao servizo da xente e non ao contrario”, desvela Vidal como unha “das principais premisas que aplicará desde a alcaldía”.
Pablo Vidal, anuncia que “presentaremos un proxecto ambicioso e que ilusione”, e aposta por ensanchar o BNG para “procurar a confianza daquelas persoas que votaron outras opcións e hoxe se senten defraudadas”, asegurando “que na alternativa que formula o BNG, ten cabida toda a xente que pense nun Ordes vivo, grande, con servizos de calidade e integrador”.
Comments