Os nenos e nenas de Preescolar na Casa e das casas niño “Xoaniña” e “Axóuxere” recibiron esta semana a visita de Papá Noel, quen lles recolleu as súas cartas e escoitou as súas peticións de agasallos para os próximos días. Unhas misivas que intercambiou por lambonadas.
Esta visita abre o programa especial de Nadal do Concello de Frades, que culminará o martes 5 de xaneiro cunha visita dos Reis Magos á rapazada do municipio. Unha programación especial este ano por mor da Covid-19, que obrigará a reservar entrada en todos os espectáculos chamando ao 981 695 567 ou 981 695 663 para evitar aglomeracións. Ademais, será obrigatorio o uso de máscara en todas as actividades e o uso de xel desinfectante á entrada das mesmas.
Programa de Nadal
Así, o luns 21 de decembro será a quenda do Carteiro Real, que ás 11:00 horas visitará o CPI de Ponte Carreira para repartir lambetadas e recoller as cartas para os Reis Magos. O martes 22, ás 17:00 horas, o multiúsos de Frades acollerá a actuación do ilusionista Dani Polo, cun espectáculo para toda a familia que mestura a maxia participativa, o humor e as ilusións. A entrada é de balde, se ben é obrigatorio anotarse no concello antes do 18 de decembro.
Así mesmo, o Concello de Frades convoca unha nova edición dos seus Campamentos Municipais de Nadal, dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Terá lugar no pavillón municipal de Ponte Carreira, en horario de 9:30 a 13:30 horas, durante 8 días (23, 24, 28, 30 e 31 de decembro e 4 e 5 de xaneiro). O prezo será de 15 euros para persoas empadroadas, 10 euros no caso dun segundo irmán ou irmá e un desconto do 50% no caso das familias numerosas. As persoas non empadroadas aboarán 25 euros. Inscricións antes do venres 18 de decembro.
Unha das novidades deste ano será a primeira edición do Mercado de Artesanía en Frades, que terá lugar o sábado 26 de decembro. Entre as 10:00 e as 20:00 horas, a praza de Ponte Carreira acollerá postos de artesanía local e da comarca onde mercar os agasallos máis orixinais e feitos a man. E o martes 29 de decembro, ás 17:00 horas, o multiúsos de Frades acollerá “A familia Papaventos”, un espectáculo musical para toda a familia protagonizada por Charo Pita. Inscricións no Concello antes do 24 de decembro.
A programación culminarase o martes 5 de xaneiro cunha especial vista dos Reis Magos que substituirá á tradicional cabalgata e festival de Reis. Para evitar aglomeracións, as súas Maxestades, acompañadas dunhas mascotas, farán 3 visitas en 3 horarios diferentes: de 12:00 a 13:00 horas no exterior pavillón municipal de Abellá, de 15:45 a 16:45 horas no exterior multiúsos de Frades e a partir das 17:00 horas na Praza de Ponte Carreira (en caso de choiva, as dúas primeiras trasladaríanse ao interior das instalacións e a terceira ao pavillón municipal de Ponte Carreira).
Os veciños e veciñas que desexen participarán deberán anotarse no Concello de Frades, antes do 31 de decembro, indicando o lugar e o horario que máis lle convén, para así poder respectar as limitacións de aforo e extremar as medidas de protección fronte á Covid-19. O Concello de Frades conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para a elaboración desta programación cultural.
Comments