top of page

Pesar na comarca de Ordes polo pasamento do antropólogo Gustav Henningsen



O Concello de Ordes amosou hoxe a súa profunda tristeza polo pasamento do antropólogo danés Gustav Henningsen, nado en 1934. O investigador percorreu a comarca de Ordes a finais dos anos 60, recollendo a tradición oral sobre bruxaría, unha materia en cuxo estudo era experto a nivel internacional. O Concello considera que esta recollida gráfica e audiovisual foi "un tesouro para a nosa comarca".


"Gustav recompilou unha valiosa colección de imaxes que retratan a nosa cultura, dende amuletos entre os cornos das vacas ata a tasca do liño, pasando polas festas e os velorios", lembran, asegurando que "as súas fotografías capturaron a verdadeira esencia de Ordes". "Lembrámolo como 'O home que vivía dos contos', un mestre na arte de escoitar e compartir historias', afirman. No seu comunicado, o Concello asegura que a memoria de Gustav Henningsen "perdurará sempre na nosa cultura e no pobo de Ordes".



O legado do investigador no tocante a Galicia atópase hoxe en día repartido entre o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega. Trátase de milleiros de fotografías que retratan amuletos entre cornos de vacas, a pedra de abalar, a romaría do Corpiño, os velorios ou as festas daquel tempo.




Comments


bottom of page