top of page

Ramiro López Cotón, veciño de Frades, cumpre 104 anos


Ramiro López Cotón, o veciño máis lonxevo de Frades, cumpriu 104 anos onte mércores, 29 de setembro, unha data que celebrou na súa casa e coa familia máis próxima. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, achegáronse ata a súa vivenda en Aiazo para entregarlle unha placa conmemorativa do Concello de Frades, cunha silueta dun zapateiro en homenaxe a quen foi un dos primeiros zapateiros do municipio e da comarca de Ordes.

Ramiro López Cotón naceu o 29 de setembro de 1917 na parroquia de Aiazo (Frades). Goza de boa saúde e está totalmente lúcido, se ben pola idade perdeu audición e, a pesar dos aparellos que leva, é preciso falarlle nun ton máis alto do habitual. De feito, ata a pandemia, Ramiro adoitaba celebrar o seu aniversario co resto da familia nunha das múltiples casetas que se colocaban na Carballeira de San Nicolau para celebrar o San Miguel, unha romaría que leva dous anos suspendida e onde unicamente teñen lugar os oficios relixiosos.

Ramiro López Cotón foi un dos primeiros zapateiros de Frades e da comarca de Ordes, xa que daquela había que agardar pola chegada destes profesionais procedentes de Noia. Un oficio que cultivou toda a súa vida, cosendo e facendo todo a man e de forma artesanal. Casado con Consuelo, ten catro fillos, unha decena de netos/as e algún que outro bisneto.

Comments


bottom of page