Reunión de Diego Calvo coas bases do PP en Ordes
- Crónicas da comarca
- 30 nov 2021
- 3 Min. de lectura

Reelixido presidente do Partido Popular da provincia da Coruña o pasado mes de setembro, Diego Calvo vén de manter encontros con alcaldes, voceiros e simpatizantes do PP por varios municipios coruñeses, caso do de Ordes. Calvo aproveitou o seu discurso para incidir en aspectos que considera fundamentais para que o PP medre nas próximas eleccións. Unha delas pasaba por "seguir escoitando de preto ás bases do partido" para ensanchar unha formación que o presidente provincial quere "facer chegar a todos e cada un dos recunchos dos 93 municipios da provincia". O presidente provincial sitúa o listón na reconquista das tres cidades da provincia e da Deputación.
Con todos estes retos en mente, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral provincial, Evaristo Ben, e mais o responsable de organización, Gonzalo Trenor, retomou nas últimas semanas esta nova rolda de xuntanzas comarcais como a que tivo lugar en Ordes, congregando simpatizantes de toda a bisbarra ordense. En todos estes encontros, o dirixente provincial aproveitou para fixar a mente xa nas municipais do ano 2023, unha cita, dixo, que pode parecer moi afastada no calendario, pero que, canto a traballo, está xa en marcha. “Toca poñer o mono de traballo unha vez máis. Agora é o momento de incidir máis que nunca en estar á beira dos nosos veciños, escoitalos, acercarnos aos seus problemas e tratar de coñecer o que demandan de nós”, dixo Calvo.
Ensanchar o partido na base
Neste sentido, o presidente provincial parouse na “necesidade” de continuar ensanchando o partido desde as bases para o que, dixo, é “fundamental” abrir as portas a todas aquelas persoas que teñan algo que achegar. “Aquí non sobra ninguén e son importantes todos os que veñan sumar. Sabemos o peso que ten a nosa formación na provincia, pero temos que aspirar a chegar cada vez a máis xente, persoas que están descontentas e que buscan unha alternativa que poden atopar en nós”, indicou.
Con fame de vitoria e “orgulloso” de pertencer á familia dos populares, Calvo volveu cargar contra un Pedro Sánchez ao que responsabilizou da "grave situación económica e social que atravesa España", e ao que culpou dos "constantes malos tratos" á provincia da Coruña. “Mentres sobe a luz, mentres as nosas industrias pechan e mentres vemos como outras comunidades se reparten os fondos co único argumento de manter a Sánchez na Moncloa, aquí nós temos que poñernos a traballar para terminar con este trato desde cada un dos nosos municipios”, apuntou.
Para Calvo, o que a sociedade lle esixe nestes momentos ao PP é "que sexamos un partido forte, unido, que lles axudemos unha vez máis nun momento difícil e que nos poñamos á fronte da recuperación”. O presidente provincial reclamou unidade interna para este fin, nun momento en que o Partido Popular vive a nivel estatal unha época convulsa entre o presidente do Partido, Pablo Casado, e figuras como a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
Por último, o líder dos populares na provincia aproveitou para dar as grazas a todos e cada un dos presentes nas reunións polo traballo que realizan, á vez que lles pediu un novo esforzo. “Sei que é duro, que en moitos casos mesmo ingrato, pero temos nas nosas mans reverter esta situación”, subliñou, para concluír incidindo en que “entre todos imos conseguir os obxectivos que nos marcamos”.
Comments