top of page

Tejas Verea convida a loitar contra o cambio climático


A empresa Tejas Verea celebrou a súa xornada anual de Portas Abertas, no marco do Día Internacional contra o Cambio Climático, para mostrar o proceso de fabricación das súas tellas e dar a coñecer a restauración ambiental da súa antiga canteira, hoxe reconvertida nun humidal cun ecosistema de seu.


Esta canteira, utilizada durante 25 anos, reconstruíuse a través da creación dun humidal e promovendo o asentamento de ecosistemas e a biodiversidade de especies. Neste novo espazo rehabilitado pódese ver outro uso das tellas, xa que se instalou unha zona de chan reutilizando o material *cerámico sobrante do proceso de produción, como recheo inerte da canteira.


Esta acción enmárcase no compromiso de Tejas Verea coa redución do impacto ambiental da súa actividade industrial e o cumprimento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas.


Durante a xornada, convidouse aos máis de 80 visitantes de Mesía e concellos limítrofes a actuar en favor do planeta con accións cotiás e a colaborar cos máis desfavorecidos. Desta forma, todas as persoas que realizaron a visita entregaron unha "entrada solidaria" de 1kg de alimentos que esta mañá se doaron ao Programa de Alimentos do Concello de Mesía. O alcalde da localidade, Mariano Igrexas Castro, acudiu esta mañá á fábrica para facer recepción da doazón e agradecer a solidariedade de todos os veciños.


Compromiso renovado cos ODS de Nacións Unidas

Verea forma parte da iniciativa de Aliados das ODS promovida pola Rede Española do Pacto Mundial para difundir a Axenda 2030, desde o 2019. Este ano renovou o seu compromiso a través da publicación do seu Informe de Progreso, que mostra os avances da empresa en accións enmarcadas nos diferentes ODS.


A compañía desenvolveu accións enmarcadas en 15 dos 17 ODS en materia de dereitos laborais, igualdade, medio ambiente ou xestión sustentable dos recursos. Destacan as iniciativas centradas na promoción de materiais naturais como as tellas cerámicas 100% reciclables e reutilizables (ODS11), o seu Plan de redución de emisións (ODS13) ou o control de auga de canteiras e subterránea (ODS6).

Comments


bottom of page