Tejas Verea presumiu de historia na súa xornada de portas abertas
- Crónicas da comarca
- 17 oct 2022
- 2 Min. de lectura

A empresa mesiense Tejas Verea celebrou a Xornada anual de portas abertas mostrando a transformación experimentada durante décadas de historia a través dunha exposición de fotografías antigas que daban conta da progresiva introdución novas tecnoloxías. "Un paseo pola nosa historia" mostrou aos veciños e as veciñas de Mesía e concellos limítrofes fotos inéditas dos inicios da empresa familiar en 1967 e a progresiva ampliación e modernización das instalacións. A selección de fotos tamén incluíu recordos de traballadores que formaron parte do equipo de Verea ao longo de máis de medio século.
Dende a empresa, destacan como momentos fundamentais no seu pasado a inauguración da segunda liña de produción en 1992, o inicio da actividade exportadora ou a apertura dunha nova liña de produción totalmente robotizada en 2002.

Máis de sesenta visitantes coñeceron de preto a empresa e interesáronse polo seu compromiso ambiental. Tejas Verea foi das primeiras en obter o selo Calculo e Reduzo e recentemente obtivo a xestión das súas canteiras en Minería Sustentable (UNE-22480).
Como son os tellados de Galicia?
Unha das seccións que suscitou máis preguntas foi a representación de como son os tellados de Galicia. Trátase dunha infografía realizada por Tejas Verea na que se pode ver cales son os acabados de tella máis empregados segundo cada zona xeográfica, salientando a tella tradicional vermella no oeste galego e a de cor grafito no leste. Na Ribeira Sacra, a empresa deseñou un acabado propio de idéntico nome e inspirado nas cores desta zona no corazón de Galicia.
Sustentabilidade e solidariedade
Durante a xornada, todas as persoas que se achegaron á fábrica gozaron dun aperitivo con produtos de proximidade da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, localizada a só 6 kms das instalacións de Verea. Un ano máis, o encontro serviu para convidar os visitantes a colaborar cos máis desfavorecidos. Desta forma, todas as persoas que realizaron a visita entregaron unha "entrada solidaria" de 1kg de alimentos que esta semana se doarán ao Programa de Alimentos do Concello de Mesía.
Comments