Tres feridos nunha colisión entre dous coches en Cerceda
- Crónicas da comarca
- 7 sept 2021
- 1 Min. de lectura

Tres persoas resultaron feridas, e unha delas necesitou ser excarcerada, logo de producirse un accidente entre dous vehículos, no concello de Cerceda.
O 112 Galicia foi coñecedor dos feitos arredor das dez e media da noite, cando un particular chamou para informar da colisión. Así, indicábase que dous coches acababan de colidir na estrada comarcal AC-523, no punto quilométrico 12, e que había varias persoas que necesitaban asistencia médica.
Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) puxéronse os datos en coñecemento do persoal sanitario, dos Bombeiros de Ordes, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil da localidade.
Unha vez chegados ao lugar do sinistro, os servizos médicos e os membros de Protección Civil de Cerceda confirmaron que había tres persoas feridas e que unha delas tiña unha perna atrapada polos ferros no interior dun dos turismos.
Finalmente, os Bombeiros de Cerceda comunicáronlle ao 112 Galicia que excarceraron a unha persoa. Para levar a cabo a limpeza dos restos do accidente na vía, o 112 tamén lle notificou o acontecido ao persoal de mantemento da estrada.
Comments