top of page

Un documental percorrerá a vida do galeguista Manoel Vello Salvado


Un documental repasará a vida do galeguista Manoel Vello Salvado, finado hai seis meses e natural de Mesía, reconstruíndo a súa historia a través das voces dos seus achegados. 'Manoel Vello. A grandeza das cousas pequenas' é unha peza audiovisual de 45 minutos producida por Nós Televisión en colaboración con Tingalaranga. Dirixe Xosé Bocixa. O documental estrearase este sábado 10 de xuño ás 12h na canle de youtube de Nós Televisión.


Manoel Vello Salvado dedicou a súa vida á causa galeguista. Natural da parroquia de Xanceda, en Mesía, foi sancristán e membro de Irimia, concelleiro do BNG, e incansable defensor da lingua galega, reivindicando a etiquetaxe en galego. Sindicalista no sector da Banca e dirixente nacional do partido Compromiso por Galicia, tivo unha participación directa no descubrimento dos enterros ilegais das vacas tolas. Faleceu o 15 de decembro do 2022, aos 50 anos de idade, despois de pelexar durante 23 anos cunha grave doenza de ril.


No documental entrevistouse unha ducia de persoas, todas elas familiares, amigos de Manoel e compañeiros do eido político, sindical e do asociacionismo. Así, recóllense as impresións do irmán de Manoel, e da súa cuñada e curmá. Tamén se inclúe o testemuño de Luis Louro e Beti Louro en Mesía, promotores do centro social O Tizón, no que Manoel participou activamente; do ex concelleiro do BNG en Mesía e tamén compañeiro da CIG Pedro Pedreira; do párroco Gumersindo Campaña; do sociólogo Luís Liñares; do presidente da Fundación Praza Pública, Carlos Amoedo; do gandeiro Manuel Raposo; da parella de Manoel e a súa filla, Carolina e Catuxa Silva; dos profesores e amigos de Ordes Charo Fernández Velho e Franceso Traficante; do presidente da Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (ALCER-Galicia), Rafael Rodríguez; do que foi secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas; e do xornalista Antón Escuredo.


A canción As cousas pequenas, de Secho e García MC, é a música principal do documental, no que tamén se inclúen os temas Días de escuela de Badana e Cortina e Macín Libre, de Zenzar.



Comments


bottom of page