UxO pide medidas para evitar contaxios por parquímetros
- Crónicas da comarca
- 27 nov 2020
- 1 Min. de lectura

Unión por Ordes levou dúas iniciativas ao pleno ordinario de novembro. O partido local puxo o foco na cuestión da transmisión de COVID-19 por contacto en parquímetros e na situación da beirarrúa da rúa do Recreo.
Sobre o primeiro asunto, UxO lembra que xa formulara unha proposta "co afán de colaborar na prevención de contaxios por COVID-19 solicitando que fose substituído o actual sistema de ticket da zona ORA polo de disco mentres permaneza a emerxencia sanitaria". Din que "pode ser un posible foco de contaxios xa que a máquina é manipulada a diario por multitude de veciños". Esta proposta foi pasada por rexistro pero non houbo contestación por parte do goberno municipal. Por iso volven reclamar que o goberno municipal reconsidere a súa decisión sobre este tema.
Sobre as beirarrúas da rúa do Recreo, denuncian que se atopan en mal estado, con baldosas soltas e rotas, especialmente no seu último tramo, entre a intersección coa Rúa Reverencia e a de Vista Alegre. "Isto supón un risco para moitos viandantes e así nolo fixeron saber", sinalan.

Comments