O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, celebra que a Valedora do Pobo atendese á denuncia presentada polos populares sobre o uso partidista dos medios de comunicación institucionais –redes sociais- por parte do Goberno local.
Coñecida a resolución, desde o PP de Oroso aseguran que o escrito é “claro e contundente” sobre o “mal uso” que desde o executivo municipal está a facerse dos medios. “A Valedora fala de que é preciso e necesario respectar a neutralidade e imparcialidade no uso das canles de comunicación institucionais, e que todos os grupos teñan as mesmas oportunidades”, apuntou Doval.
Neste sentido, o portavoz popular reiterou a “importancia” de que as redes sociais do concello, así como a súa páxina, estean ao servizo dos veciños e “non dos intereses dalgunha formación en concreto”, dixo Doval, quen incidiu en que a súa formación leva moito tempo denunciado esta situación.
Con todo isto, vos populares, que seguirán “vixiantes” sobre o uso destas ferramentas, esperan que, a partir deste momento, o goberno local actúe en consecuencia e comece a dar cabida e espazos nos medios institucionais ao resto de formacións.
Коментарі