top of page

Visita a Irlanda de alumnado do CEIP do Camiño Inglés de Sigüeiro



Un grupo de 10 alumnas e dúas mestras do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro (Oroso) está actualmente na localidade costeira irlandesa de Waterford nunha viaxe na que seguen o rastro de James Rice, ilustre peregrino medieval. A figura de Rice é o fío condutor da aprendizaxe sobre aspectos fundamentais da auga e dos ecosistemas fluviais. A viaxe faise en en colaboración co Faithlelgg National School. É a segunda mobilidade deste proxecto despois de ter visitado a Êcole primarie publique du Petit Paris (Brest-Francia). No mes de abril foron os colegas irlandeses quen visitaron Oroso.



Waterford foi a localidade de procedencia de James Rice, un alcalde que a finais do século XV peregrinou en dúas ocasións a Compostela. O coñecemento das súas peripecias é o nexo de unión dos tres centros para traballar sobre diversos aspectos: medio ambiente, ferramentas dixitais e patrimonio común.



O director do centro, Francisco Ávila, destaca tamén a importancia de participar neste tipo de proxectos para a formación do profesorado a través do intercambio de boas experiencias docentes e, en definitiva, para a mellora do centro.



O centro ademais conseguiu este curso a acreditación da Unión Europea o que garantiza a execución de proxectos similares a este ata 2027. Este proxecto, en concreto, conta cun apoio económico de 22.548 € para o desenvolvemento por parte do centro galego.


Erasmus+ (2011-2027) é un programa integrado da Unión Europea (UE) nos ámbitos da educación e a formación, xuventude e deporte, que ofrece oportunidades para todas as persoas e en todos os sectores educativos (Educación Escolar, Formación Profesional, Educación Superior e Educación de Persoas Adultas). En España, o programa Erasmus+ xestionase por parte do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), que actúa como Axencia Nacional do programa nos ámbitos da educación e a formación e que está adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.



Comments


bottom of page