O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe dúas explotacións leiteiras situadas en Trazo que foron recoñecidas nos últimos anos con diferentes distincións dentro dos premios Exceleite, que promove a Xunta. Con estes galardóns prémianse as explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e aválase a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca na nosa comunidade.
A visita comezou na Casa Landeira de Oa, que recibiu o Exceleite de ouro de 2021 na categoría semiextensivo grande e que xa no 2020 fora Exceleite de prata e no 2019 finalista. Esta explotación conta cun censo de 156 animais, dos que 88 son vacas reprodutoras.
A segunda explotación, denominada Castiñeiras de Oa, foi finalista na última edición, correspondente a 2021, na categoría intensivo grande. Ademais, recibiu o Exceleite de prata nesta mesma tipoloxía de granxa no ano 2020. Neste caso, o seu censo ascende a 127 exemplares, dos que 66 son vacas reprodutoras.
Estratexia de dinamización
Neste percorrido por ambas explotacións, o director xeral puxo en valor o esforzo dos gandeiros para acadar a extraordinaria calidade que distingue a cabana gandeira galega en xeral e o bovino de leite en particular. José Balseiros reiterou ademais o compromiso do Goberno galego con este sector estratéxico, que se plasma -dixo- a través de diferentes iniciativas. Entre elas, salientou a Estratexia de dinamización que, segundo lembrou, foi o resultado dun intenso proceso participativo e que ten como principal obxectivo consolidar este eido produtivo a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade, así como da defensa da calidade dos produtos lácteos por enriba da cantidade.
Neste mesmo sentido, o director xeral recordou que Galicia é a principal comunidade produtora de leite en España e é a novena rexión láctea de Europa. Tamén, como parte integrante desa Estratexia sectorial, Balseiros puxo en valor a formación empresarial orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros e neste sentido lembrou que “todo gandeiro é empresario”. Así mesmo, fixo referencia a Conta Láctea, a aplicación informática creada ao abeiro desta planificación e que permite aos produtores levar a contabilidade das súas explotacións e polo tanto ser máis efectivos na negociación do prezo do leite.
Axudas para o sector
No capítulo de axudas ao sector, o director xeral destacou que hoxe mesmo sae publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería do Medio Rural que inclúe 30 millóns de euros para apoiar a transformación e a comercialización de produtos agrarios, priorizando nesta convocatoria as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común.
José Balseiros tamén lembrou que proximamente sairán no DOG as achegas por un importe global de 37,5 millóns para a incorporación de mozos ao agro, a execución de plans de mellora e a creación de pequenas explotacións.
Así mesmo, recordou que está aberto o prazo para solicitar as achegas da Política Agraria Común (PAC). Así, os agricultores e gandeiros galegos poderán presentar ata o 30 de abril as súas solicitudes para acceder a un montante total de 210 millóns de euros (170 millóns de pagamentos directos e 40 millóns para o desenvolvemento rural).
Lei de recuperación da terra
Nesta mesma liña, o director xeral referiuse tamén á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que -destacou- permitirá dotar a todo aquel que o demande de terra produtiva, potenciando a remuda xeracional e o rexuvenecemento do sector, para que aqueles novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo.
Ademais, José Balseiros apuntou que a posta en marcha das ferramentas desta lei -tales como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta- contan este ano cun orzamento de 5,3 millóns de euros para fomentar, precisamente, a recuperación e mobilización da terra e dar resposta á demanda de máis base territorial, tan reiterada desde o sector lácteo.
Comments