top of page

Visita da Xunta ao viveiro de Falmega (Oroso) para impulsar a plantación de castiñeiros


O viveiro forestal de Falmega, en Oroso, recibiu hoxe da Consellería de Medio Rural de plantas de portanexertos de catro clons distintos e plantas nai con certificado de calidade sanitaria de 17 variedades de castiñeiro autóctono. Trátase dun plan da Xunta para impulsar a plantación controlada e ordenada desta árbore coa fin de incrementar nos montes de Galicia a superficie destinada ao cultivo de castaña. En total, na campaña repartiranse en 16 viveiros galegos ata 12.600 plantas de portaenxertos de catro clons distintos e 473 plantas nai CAC.


Na entrega de hoxe estiveron presentes os directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Neste acto tamén estiveron o presidente da Asociación de viveiristas del noroeste (Asvinor), Ignacio Etcheverría Rey, a vicepresidenta da Asociación de viveiros forestais de Galicia, Inmaculada López Muñoz, e o presidente da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García. Así, a través desta entrega de material vexetal abastécese a crecente demanda de consumo de castaña e ponse en valor o distintivo de calidade da IXP Castaña de Galicia.



Viveiro da Falmega

Na actualidade, no viveiro de Oroso prodúcense tanto planta dos distintos clons de castanea hybrida do catálogo da Xunta, como pequenas cantidades de planta a raíz núa de distintas especies autóctonas galegas. O viveiro conta con distintos campos de plantas nai incluídos no Rexistro Galego de materiais de Base e, nos últimos anos, cultiváronse una media de 15.000-20.000 brotes dos clons e máis de 100.000 de castiñeiros híbridos propagados polo sistema de aporcado. Asemade, na superficie do viveiro existen dúas parcelas de ensaio do centro de investigación de Lourizán (castiñeiro e cerdeira) e unha parcela de chopo. Tamén están cultivadas sementes de distintas especies de carballos, freixos, pradairos e piñeiros.

Comments


bottom of page