A Deputación apoia a creación e consolidación de 430 empregos en pequenas empresas da provincia a través do PEL
- Crónicas da comarca
- 4 ago
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 14 ago

A Deputación da Coruña reforza este ano o seu apoio ao tecido empresarial da provincia cun investimento global de 4,7 millóns de euros ao abeiro das liñas PEL-Pemes Creación e PEL-Pemes Mantemento, integradas no Plan de Emprego Local (PEL).
Esta aposta permite impulsar a creación e consolidación dun total de 430 empregos en pequenas empresas da provincia, mediante contratos que incentivan o emprego estable e de calidade.
“O PEL demostra a súa utilidade como ferramenta integral para o emprego: primeiro axudamos a contratar, e agora axudamos a manter eses postos de traballo. Apostamos pola creación de emprego estable e polo reforzo das pequenas empresas locais”, destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
As empresas beneficiarias destas liñas de axudas para fomentar a creación e o mantemento do emprego recibirán subvencións de entre o 70% e o 50% dos custos laborais durante 12 meses, incluíndo soldos, cotizacións á Seguridade Social e outros gastos sociais.
Distribución territorial e perfil das empresas
Na concesión do programa PEL-Pemes Mantemento destacan por concellos Santa Comba, con 9 subvencións e un importe de 95.434,15 €, Mazaricos, con 8 subvencións e 85.118,64 € e Dumbría, con 6 subvencións e 59.862,98 €.
Por comarcas, sobresae a de Santiago, con 46 subvencións concedidas (máis do 38% do total), por un importe global de 456.228,32 €, seguida polas de Bergatiños e Costa da Morte, cun total de 28 axudas e 281.862,98 € de investimento.
En canto ao tipo de contrato subvencionado, o 81,82% corresponde a contratos indefinidos a xornada completa e o 18,18% son a tempo parcial. Case o 53% están dirixidos a persoas pertencentes a colectivos vulnerables.
Respecto ao perfil das empresas beneficiarias, o 54,55% dos beneficiarios son autónomos/as ou empresarios/as individuais, das que a maioría pertencen ao sector terciario, destacando o comercio e a hostalería, así como o sector primario.
8.130 empregos creados ao abeiro do PEL
Desde a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local consolidouse como unha das principais políticas públicas da Deputación da Coruña no impulso ao emprego e ao desenvolvemento económico. En total, máis de 8.130 postos de traballo foron creados nos sectores público e privado ao longo dos últimos oito anos, grazas a este modelo de colaboración coas entidades locais e o tecido produtivo.
Para saber máis:
PEL PEMES creación:
PEL PEMES Mantemento:




Comentarios