top of page

A Deputación impulsa o tramo sur do Camiño Inglés e inaugura mouteiras en Reading e Winchester

Mouteira de Reading
Mouteira de Reading

Os deputados provinciais Antonio Leira e Bernardo Fernández, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, inauguraron esta semana dúas novas mouteiras nas cidades británicas de Reading e Winchester, integradas no tramo sur do Camiño Inglés a Santiago. Nos actos estiveron acompañados polo presidente de honra da asociación, Manuel Mirás, e pola presidenta e secretaria da entidade que agrupa aos concellos do Camiño Fisterra-Muxía, Luisa Rodríguez e Noela Baleato.

As dúas inauguracións —a primeira en Reading e a segunda, 24 horas despois, en Winchester— son foito da aposta realizada pola Deputación da Coruña e o Xacobeo, cuxo director xerente, Ildefonso de la Campa, participou tamén na comitiva durante as dúas xornadas. A Confraternity of St. James encargouse da xestión dos permisos necesarios para a instalación dos fitos.

En Winchester, a comitiva galega descubriu esta mañá a mouteira situada nos xardíns da igrexa de St. Bartholomew, a exactamente 100 quilómetros da praza do Obradoiro. O acto contou coa recepción oficial do alcalde, Sudhakar Achwal, que se dirixiu aos representantes galegos en español. Tamén participou o enviado do bispo de Winchester, David Hames, quen pronunciou unhas palabras en castelán antes de proceder á bendición da mouteira.

Durante o acto, Bernardo Fernández destacou a relevancia desta acción na recuperación histórica e na proxección exterior da ruta: "Hoxe damos un paso fundamental na promoción desta ruta xacobea que estivo esquecida durante medio milenio".

Pola súa banda, Antonio Leira puxo en valor o traballo continuado que existe detrás desta iniciativa: "Isto non é nin o principio, porque levamos moito feito nestes anos, nin o final, porque imos seguir colaborando cos grupos locais para que o Camiño Inglés se coñeza e se investigue máis". O deputado subliñou ademais o papel estratéxico da Deputación: "A nosa responsabilidade é abrir portas, conectar territorios e reconstruír a memoria do Camiño. Cada mouteira que colocamos no Reino Unido é un símbolo dese vínculo histórico que estamos recuperando paso a paso".

A Deputación da Coruña iniciou en 2016 un proceso estratéxico para recuperar o Camiño Inglés desde as súas orixes históricas, nas proximidades de Escocia e ao longo da costa leste británica. Desde entón, o número de peregrinos procedentes do Reino Unido non deixou de crecer, cun incremento porcentual superior ao doutros países, consolidándose como un dos mercados internacionais máis dinámicos desta ruta.

Coa instalación deste tramo sur do Camiño Inglés Reading e Winchester, a Deputación e as asociacións de concellos implicadas reforzan a cooperación institucional e a dimensión internacional da ruta, contribuíndo a fortalecer esta ruta xacobea e a súa proxección como vía xacobea histórica, viva e en pleno crecemento.

Comentarios


bottom of page