top of page

A Garda Civil desmantela un punto de distribución de droga en Ordes e desmantela un dos maiores puntos de distribución de MDMA en Galicia

Actualizado: 21 ago

ree

No marco da Operación Mixturas, a Garda Civil desmantelou un importante punto de distribución e almacenaxe de drogas sintéticas na provincia da Coruña. A

actuación culminou coa detención dunha persoa e a incautación dunha das maiores partidas de MDMA e MDA dos últimos anos en Galicia, neutralizando un centro de subministración que abastecía ás comarcas de Ordes e Santiago.

A investigación iniciouse grazas á colaboración cidadá, que alertou dunha inusual trasfega de vehículos e a presenza de cheiros compatibles co cultivo de marihuana nunha vivenda unifamiliar. Tras establecer un dispositivo de vixilancia, os axentes constataron un fluxo continuo de entradas e saídas rápidas de persoas, un patrón característico de transaccións de drogas. A persoa investigada tomaba medidas de contravigilancia, cambiando os seus roteiros para evitar ser detectada.

O rexistro xudicial, autorizado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Ordes, levouse a cabo o 11 de agosto. Na vivenda, os axentes localizaron e incautaron unha gran cantidade de substancias estupefacientes:

- 1.320 pastillas de MDMA (MDA variante), equivalentes a 783 gramos.

- 390 comprimidos de Viagra ilícita.

- 53 pastillas e 13,18 gramos en po de anfetamina.

- 100 gramos de haxix, 2 gramos de LSD e 20 gramos de marihuana.

- 1,3 quilos de cogomelos alucinóxenos e 78 gramos de fungos secos.

Ademais das drogas, desmantelouse un sistema de cultivo interior con 35 plantas de cánnabis e incautáronse 25 litros de líquidos precursores para a fabricación de drogas de síntese. Esta loxística evidencia a capacidade do punto para unha subministración constante.

Durante a operación, os axentes interviñeron 20.000 euros en efectivo e varias armas prohibidas, incluíndo un puño americano, un machete e dous dispositivos tipo táser. Tamén se descubriu unha conexión ilegal á rede eléctrica para abastecer o cultivo interior.

O operativo, foi desenvolto conxuntamente polo Posto de Ordes, o Equipo ROCA de Santiago de Compostela, Compañía de Santiago e o Posto de Sigueiro, coa colaboración da Policía Local de Ordes.

A magnitude da incautación é significativa. Nunha soa actuación, aprehendéronse 1.320 pastillas de MDMA, unha cifra que por si soa supera o total de pastillas incautadas en toda a comunidade autónoma de Galicia durante 2024 (280 gramos), segundo datos oficiais.

Esta operación logrou neutralizar un importante punto de distribución que abastecía de forma sistemática á provincia da Coruña. O detido enfróntase a cargos por tráfico de drogas, branqueo de capitais, tenencia de medicamentos sen autorización, cultivo de drogas e defraudación de fluído eléctrico, foi posto ao dispor xudicial decretando o seu ingreso en prisión.

Vídeo proporcionado pola Garda Civil

Comentarios


bottom of page