A Garda Civil detivo ao autor do violento asalto a unha vivenda dunha muller de 78 anos en Tordoia
- Crónicas da comarca
- 24 jun
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 7 jul

O Equipo de Policía Xudicial de Santiago de Compostela, da Garda Civil, no marco da "Operación Faiado", detivo no día de onte a un home residente en Vila de Cruces (Pontevedra) como presunto autor do brutal asalto e agresión con arma branca a unha muller de 78 anos na súa vivenda de Tordoia (A Coruña) o pasado 24 de maio. Os feitos ocorreron cando o detido, tras varias horas de vixilancia, abordou á vítima no seu domicilio. O agresor, que ocultaba o seu rostro cun casco e lentes, atacou á muller cun coitelo de grandes dimensións, tirouna ao chan e esixiulle diñeiro en efectivo. Ante a resistencia da anciá, o asaltante produciulle varios cortes nunha man co coitelo e introduciulle un saco na cabeza, mentres continuaba esixindo a entrega do diñeiro. Posteriormente, o agresor arrastrou á vítima polo pelo, encerrouna ás escuras nunha adega da vivenda e fuxiu. A muller, que afortunadamente levaba o seu teléfono móbil, puido alertar a un veciño e a un familiar, quen acudiu rapidamente no seu auxilio, atopándoa nun estado de gran nerviosismo, con manchas de sangue e hematomas por todo o corpo.
A investigación da Garda Civil de Santiago de Compostela centrouse na identificación dun vehículo de cor escura vista nas inmediacións do domicilio da vítima. As pescudas, realizadas con rigor e profesionalidade, permitiron identificar o vehículo e ao presunto autor.
Durante a operación, a Garda Civil localizou un coitelo de 34 centímetros de lonxitude oculto no vehículo do detido. Tiña restos de sangue da vítima confirmados por análise de ADN realizado polo Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC.
O detido foi posto ao dispor do Xuíz. A investigación, que se atopa aberta, séguese no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución non 1 de Ordes (A Coruña) e non se descartan novas actuacións nos próximos días.




Comentarios