top of page

A Xunta de Galicia informa desfavorablemente o proxecto do parque eólico Brancellao



A xefa do Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética da Xunta de Galicia, María Raquel Carballido Reboredo, vén de remitirlle esta tarde ao Concello de Frades o informe desfavorable ao parque eólico Brancellao, actualmente en tramitación no Ministerio.


Un escrito que conclúe que “se informa desfavorablemente o proxecto do parque eólico Brancellao de 140 MW promovido por Enel Green Power España SL posto que, excepto a posición 14, o resto das mesmas e parte da poligonal incumpren as disposicións establecidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia e a Lei 8/2009 do 22 de decembro pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Ademais, a poligonal do parque invade a Rede Natura 2000”.


Alegacións do Concello

Pola súa banda, o Concello de Frades decidira esta mañá presentar alegacións a este proxecto, despois de que onte mércores se recibira o anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa do Parque Eólico Brancellao, de 140 MW, accesos a infraestruturas eléctricas de evacuación nos concellos de Boimorto, Curtis, Vilasantar, FRADES, Mesía, Ordes e Carral, na provincia da Coruña.

“O equipo de Goberno de Frades maniféstase unha vez máis en contra da instalación de parques eólicos no noso concello, polo que presentaremos as alegacións oportunas para evitar que o proxecto do parque eólico Brancellao se chegue a instalar”, asegura o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.


Concretamente, o termo municipal de Frades estaba afectado pola instalación dun aeroxerador na parroquia de Vitre e polos accesos a outros aeroxeradores situados próximos ao municipio nas parroquias de Lanzá e Boado, no concello de Mesía. O Concello de Frades publicou na súa páxina web tanto unha separata de como este proxecto afecta ao municipio de Frades como un enlace a toda a documentación presentada diante da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.


Colaboración coa veciñanza

“Aínda que a Xunta vén de informar negativamente o proxecto, nós mantemos a nosa intención de presentar alegacións e tamén mantemos que os veciños e veciñas de Frades poidan asesorarse na oficina técnica de Urbanismo tanto sobre o proxecto como sobre como presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas”, apunta Roberto Rey. O prazo para presentar alegacións remata o 31 de marzo e a oficina técnica de Urbanismo do Concello de Frades estará aberta de luns a venres, en horario de 9:30 a 15:00 horas.


Así mesmo, a documentación tamén estará dispoñible nas dependencias da Área de Enerxía da Delegación do Goberno (Praza de Ourense, 11. 15003 A Coruña). Iso si, a consulta presencial requirirá solicitar cita previa, chamando ao teléfono 981 898 559 ou enviando un correo electrónico a industria.acoruna@correo.gob.es.

O parque eólico Brancellao está promovido por Enel Green Power España SL e prevé a instalación de 25 aeroxeneradores capaces de producir unha potencia de 140 MW. O proxecto contempla a construción dunha liña de evacuación a 400 kV que transportará a enerxía eléctrica producida polo parque eólico ata a subestación do Mesón do Vento (Ordes).


bottom of page