Abanca, condenada a devolver case 50.000 euros a unha vítima de estafa por “phishing” por non controlar transferencias fraudulentas
- Crónicas da comarca
- 16 abr
- 2 Min. de lectura

Abanca vén de ser condenada a pagar 47.721,34 euros, aos que se engaden xuros desde a data de reclamación extraxudicial e custas, a un matrimonio cliente da entidade, vítima dunha estafa de phishing onde se suplantou á empresa Microsoft e onde, baixo a escusa da instalación dun antivirus, se accedeu aos datos bancarios das persoas afectadas. Os
estafadores efectuaron varias transferencias con carácter inmediato sen que por parte de Abanca se tomasen as oportunas medidas de seguridade para evitar a subtracción desta importante cantidade económica, que supoñía a práctica totalidade dos aforros dos demandantes.
O Xulgado de 1ª Instancia Nº1 de Ordes ditou o pasado 16 de outubro este fallo, fronte o que cabe recurso de apelación, por uns feitos acontecidos o 14 de xuño de 2021. Naquela data, o titular da conta bancaria e das tarxetas, un home de 71 anos, recibiu unha chamada no seu domicilio de persoas que se fixeron pasar por técnicos de Microsoft e lle comunicaron que existía un problema no seu computador persoal. Para resolver o problema, debía levar a cabo a instalación dun antivirus cuxa licenza tiña un custo de cinco euros. Os estafadores procederon a facerse cos seus datos bancarios e realizaron sete transferencias polo valor anteriormente sinalado, próximo aos 48.000 euros. Malia ter sucedido todo durante a mañá, e por tanto en horario laboral ordinario, ningúnrepresentante da entidade se puxo en contacto cos afectados para verificar o que estaba a acontecer.
Os afectados si entraron en contacto axiña con Abanca solicitando o bloqueo das tarxetas e contas, así como dos movementos non recoñecidos. Non obtiveron resposta satisfactoria da entidade, perante cuxo servizo de atención ao cliente presentaron reclamación formal a comezos de Xullo. No seu fallo, a xuíza toma en consideración o estipulado no Real Decreto lei 19/2018 de servizos de pagamento. Recoñece a responsabilidade case-obxectiva da entidade, que careceu da debida dilixencia para verificar se as transferencias se fa
cían por desexo dos titulares da conta ou por terceiros alleos a esta. Cómpre lembrar que nestas situacións a responsabilidade é sempre da entidade bancaria se non existe unha neglixencia grave por parte do cliente.
A xuíza ten en conta as circunstancias do demandante, como a súa idade avanzada, que se asocia a un menor coñecemento e habilidade tecnolóxica, e a súa vulnerabilidade fronte a enganos deste tipo. Tamén lembra que os autores da estafa utilizaron unha linguaxe deliberadamente confusa, falándolle moi rápido á vítima para evitar que reflexionase sobre o que sucedía. Esta sentenza supón un importante recoñecemento no tocante aos dereitos do consumidor e á responsabilidade das entidades bancarias fronte ás fendas de seguridade que ameacen o patrimonio económico dos seus clientes.
Comments