Antonio Sánchez e Nicolás Andrade, recoñecidos cos galardóns Raíz e Semente Cooperativa 2025 pola súa traxectoria e compromiso con Central de Frades
- Crónicas da comarca
- 11 jul
- 3 Min. de lectura

A cooperativa Central de Frades celebrou este venres no restaurante O’Cadaval, en Ledoira (Frades), a súa Asemblea Xeral Ordinaria cunha ampla participación das persoas socias. A xornada rematou cun emotivo acto de recoñecemento no que se fixo entrega dos galardóns Raíz e Semente Cooperativa, que celebran a traxectoria, o compromiso e o futuro do proxecto común que representa Central de Frades.
O Galardón Raíz Cooperativa 2025 foi para Antonio Sánchez Sánchez, de Mesía, que presidiu a cooperativa na década dos 90, unha figura clave na profesionalización da entidade e no impulso de proxectos estratéxicos como a fábrica de pensos, a venda do leite a través da cooperativa ou a implementación dos silos de penso e o cultivo do millo. Durante o seu mandato, apostouse pola contratación de persoal técnico cualificado, pola mellora da xestión económica da entidade e pola modernización das granxas a través de servizos innovadores.
“Hai 25 anos, as explotacións non tiñan empregados, ao mellor só tres ou catro socios da cooperativa tiñan 60 ou 80 vacas. Desde hai dez anos, necesítase man de obra, ben sexa en empresas de maquinaria, en asesoramento técnico ou nas propias granxas; no campo hai emprego”, explicou Antonio Sánchez, poñendo en valor os cambios vividos no sector nas últimas décadas e mostrándose, ao recibir o premio, “moi agradecido e orgulloso de que a cooperativa se acorde de min”.
Pola súa parte, o Galardón Semente Cooperativa 2025 recoñeceu o talento de Nicolás Andrade Meijide, un mozo de 25 anos, gandeiro de Frades, que representa o relevo xeracional e a aposta pola gandería como proxecto de vida. A súa prioridade é a calidade, tanto do leite como da vida. “Este premio é un orgullo para min, porque sendo un dos máis novos síntome parte dun futuro que xa está en marcha. E oxalá que o ano que vén outro mozo ou moza gandeira poida recibir un recoñecemento como este”, declarou Nicolás, exemplificando o compromiso de Central de Frades coas novas xeracións do agro. Andrade quixo compartir o premio coa súa avoa, María Vilariño Mella, referente e inspiración do seu amor polo sector.
O acto rematou cun recoñecemento especial ao gandeiro e comunicador Víctor Bascoy Sánchez, de Oza-Cesuras, que recibiu o Galardón ao Mellor Presentador Cooperativo Hoxe e Sempre pola súa implicación constante coa cooperativa e pola súa capacidade para visibilizar o sector de forma próxima, con orgullo e autenticidade. “Espero da cooperativa que siga funcionando da maneira que o fai, nós estamos moi a gusto. Agardo que ese vínculo que temos co persoal da entidade se manteña, pois facilita moito o traballo”, desexou Bascoy.
Antes do acto de recoñecemento, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria da cooperativa, na que se aprobou a memoria económica correspondente ao ano 2024, cun balance poisitivo que reflicte a boa saúde financeira e económica da entidade. Ademais, procedeuse á renovación de parte dos cargos do Consello Reitor e púxose en valor a estabilidade da base social da cooperativa. Actualmente, Central de Frades conta con máis de 700 persoas socias, cun crecemento sostido das incorporacións de persoas xurídicas e con presenza destacada de mulleres e persoas xurídicas, feito que amosa a evolución e a profesionalización do sector.
Durante o seu discurso, o presidente da cooperativa, Jaime Carneiro, destacou o papel clave da nova tenda de Abellá, inaugurada o pasado inverno, como “mostra máis do noso compromiso co rural, de como queremos estar presentes no territorio e poñer o traballo ó servizo da nosa xente”. Subliñou tamén o esforzo da cooperativa por innovar, asesorar e estar ao carón das persoas socias para facer das granxas espazos máis rendibles, sostibles e “nos que se poida vivir ben”.
A xornada rematou cun ágape e a entrega dun agasallo institucional ás persoas asistentes, consolidando unha vez máis o espírito colectivo e colaborativo que caracteriza a Central de Frades desde a súa fundación.




Comentarios