top of page

Bota a andar 'Oroso de corazón'


A iniciativa 'Oroso de corazón', posta en marcha polo Concello para converter a localidade nun municipio cardioprotexido e impulsar os hábitos de vida saudables entre a veciñanza, vén de arrincar coa súa primeira actividade. Deste modo, onte celebrouse unha xornada de reanimación cardiopulmonar básica para cidadáns, impartida polo centro de saúde de Oroso


O alcalde, Luis Rey, explicou na presentación da iniciativa que "esta pandemia fíxonos reflexionar sobre a importancia da saúde e de estar moi preto da xente". Considera o rexedor que "temos que ter claro o que é importante, por iso pensamos nesta iniciativa para fomentar a cultura da vida saudable, con charlas, cursos e diferentes iniciativas".


Entre as actuacións que farán de Oroso un concello cardioprotexido, están os cursos de reanimación, masaxe cardíaco e maniobras ante casos de asfixia para a veciñanza; a formación sobre uso de desfibriladores para clubes deportivos, asociacións e centros educativos, e sesións formativas sobre alimentación, nutrición e consellos para evitar a obesidade infantil.

Haberá tamén outras iniciativas para fomentar os hábitos de vida saudable entre os orosáns, como as andainas, e xornadas para que os veciños e veciñas poidan medirse a tensión, o azúcar e outros parámetros.



Comments


bottom of page