top of page

Continúa a busca do veciño de Frades desaparecido o pasado 22 de Abril

Actualizado: 2 may


No día de hoxe, xoves 24 de abril, continúan os labores de procura de José Antonio Carro Lata, veciño da localidade de Frades, cuxa desaparición activou un amplo operativo na costa galega.


O dispositivo céntrase actualmente na zona do Faro de Fisterra, onde se despregou un importante operativo coordinado polas forzas de seguridade e os servizos de emerxencia. En total, son catro patrullas as que están a percorrer a costa e a realizar diversas xestións. Entre elas atópase unha patrulla do SEPRONA, equipada con motos para acceder ás zonas de difícil acceso.


Tamén se conta co apoio aéreo do Servizo Aéreo da Garda Civil, así como cos drons operados por Axega, que permiten unha inspección máis exhaustiva do terreo e das zonas de cantís. Colaboran ademais unha patrulla da Policía Local e outra de Protección Civil, reforzando a busca por terra.


O Concello de Frades solicita a colaboración da veciñanza para localizar a José Antonio Carro Lata, un home de 69 anos, natural da parroquia de Papucín, desaparecido desde o pasado martes 22 de abril. O desaparecido saíu da súa casa ao redor das 12:00 do mediodía para pasear e, desde entón, non se volveu ter noticia del. Segundo as últimas informacións, foi visto por última vez na parroquia de Ollas, no concello de Mesía, ao redor das 17:00 horas do mesmo día.


José Antonio Carro Lata mide aproximadamente 1,70 metros, ten complexión forte e, no momento da súa desaparición, vestía un pantalón gris, camisa de cadros finos en tons marrón e amarelo, unha chaqueta azul escura coas letras DAF, e zocas nos pés.


A Policía Local e os servizos de emerxencias seguen traballando na súa procura, pero recalcan a importancia da colaboración cidadá. Desde o Concello insístese en que calquera persoa que puidese velo ou dispoña de información útil debe poñerse en contacto co 112, o número de emerxencias.


As autoridades lembran que calquera pista, por pequena que sexa, pode ser clave para dar co paradoiro do desaparecido e garantir a súa seguridade.

ree

Comentarios


bottom of page