top of page

Convenio Xunta - Concello de Trazo para a humanización de Merelle

Actualizado: 12 ago

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou o convenio de colaboración coa alcaldesa, Josefina Suárez
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou o convenio de colaboración coa alcaldesa, Josefina Suárez

A Xunta colabora na actuación de humanización do núcleo de Merelle, no concello de Trazo, que conta cun investimento total de 329.505€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, o convenio ao abeiro do Plan Hurbe co que se financiará conxuntamente esta intervención.

 

A actuación, que terá un prazo de execución de tres meses, centrarase neste núcleo da parroquia de Xavestre e busca poñer en valor as construcións existentes e a súa contorna, de gran valor paisaxístico. Así, levarase a cabo a reurbanización das rúas interiores desta vila do municipio coruñés e instalarase novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras). Ademais, porase en valor do lavadoiro existente en Merelle, ao que se lle aplicará un lavado dos seus muros.

 

Ademais, substituiranse as varandas actuais por unhas novas de aceiro galvanizado e adaptarase a súa contorna.

 

Os traballos completaranse coa instalación de novos colectores de pluviais e de augas residuais e co soterramento dos servizos de electricidade, alumeado e telecomunicacións.

 

De acordo ao convenio, a Xunta asumirá o 70% do custe destas intervencións, achegando un investimento de 230.653 € euros, contratará e executará as obras. O Concello de Trazo  achegará o 30% restante do custe estimado das actuacións, 98.851 euros.

 

A través do Plan Hurbe, a Xunta está a apoiar ás administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Comentarios


bottom of page