Lidia Cao estrea no CPI de Xanceda a terceira edición do DesOrdes Xeodestino Mural
- Crónicas da comarca
- hace 6 horas
- 1 Min. de lectura

A Mancomunidade de Ordes suma xa un novo mural ao seu extenso catálogo de arte urbano logo de que a aclamada ilustradora Lidia Cao dera por rematado o primeiro dos muráis programados baixo a terceira edición da iniciativa Desordes Xeodestino Mural.
Deste xeito, o CPI de Xanceda, en Mesía, loce nunha das súas fachadas exteriores un mural que versa sobre a importancia de recoñecer e valorar as raíces que nos vinculan ao territorio rural.
A figura central, representada nun intre de contemplación, encarna a quen medra rodeada dun paisaxe que non só nutre a vida cotiá, senón tamén a identidade. A ollada cara ao horizonte suxire a procura dun futuro posible sen renunciar a aquilo que a define: a memoria, a terra e as ensinanzas herdadas.
Os paxaros que xorden do seu interior e a acompañan funcionan como metáforas de liberdade e aprendizaxe. Coa súa roupa, os elementos da paisaxe intégranse no seu propio corpo, afirmando que o territorio forma parte do seu ser.
As ramas que envolven a composición evocan a idea dun enraizamento vivo, dinámico, que medra e se expande. Non se trata dun arraigamento estático, senón dun vínculo que evoluciona coa persoa e do que xorden novas posibilidades. O mural celebra así a riqueza da orixe rural como un espazo de formación íntima, onde a aprendizaxe provén tanto da natureza como da comunidade e dos seus ritmos.




Comentarios