top of page

Luz verde á senda de Marzoa


A Comisión de Infraestruturas e Obras da Deputación da Coruña aprobou esta semana o proxecto da senda de Marzoa no Concello de Oroso, un proxecto moi importante para a parroquia que suporá un investimento superior aos 200.000 euros.


A aprobación definitiva da actuación será no pleno provincial do próximo venres, 30 de xullo, e o alcalde de Oroso, Luis Rey, está en contacto permanente estes días cos veciños da zona para explicarlles o proxecto.


A senda, na estrada provincial DP-3802, terá máis dun quilómetro e será fundamental para mellorar a seguridade viaria en Marzoa, tanto dos peóns como dos vehículos. Chegará ata o límite co Concello de Frades e pasará por diante do local social, polo que é unha zona moi transitada polos veciños.


Aínda que o acordo cos propietarios dos terreos afectados pola construción da senda era maioritario, finalmente a cesión dos mesmos chegará por vía dunha expropiación, polo que recibirán unha compensación económica.


A infraestrutura, unha vella demanda veciñal, sufriu un retraso pola última concentración parceleria na zona pola que transcurrirá a senda, o que obrigou a reformular o proxecto.

“Estamos moi satisfeitos, é unha senda moi importante para Marzoa e para o día a día dos seus veciños”, afirma Luis Rey, alcalde de Oroso.


“O concello pelexou moito por esta infraestrutura desde hai anos e tras moitas xestións conseguimos o apoio da Deputación da Coruña, polo que as obras comezarán xa”, engade.


O PP urxe o desenvolvemento da senda Pola súa banda, o grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, esixe ao Goberno Local que poña en marcha “canto antes” as obras da senda peonil de Marzoa.

Os populares consideran “fundamental” a construción deste paso tendo en conta que, segundo explicou Doval, a DP-3802, que une Ordes con Frades, transcorre pola parroquia de Marzoa e trátase dunha vía provincial con alta densidade de tráfico. “Falamos dunha zona na que viven persoas maiores, que teñen as súas casas moi dispersas unhas doutras, e que, na actualidade, se ven obrigadas a camiñar por un vial que se converteu nun perigo polo feito de que non conta con marxe suficiente para transitar con seguridade”, dixo Doval.

Neste sentido, o portavoz do Partido Popular subliñou que a construción desta senda é unha promesa que o goberno socialista leva máis de 12 anos facendo,.


Por outra banda, Doval aproveitou tamén para denunciar que, na mesma parroquia de Marzoa, en concreto no tramo da estrada municipal que vai desde a Cruz de Folgoso ata Beán (Ordes) ao seu paso por Recouso, existe outra zona de paso perigoso xa que non hai beiravía para o paso dos peóns e prodúcense numerosos accidentes.


Comments


bottom of page