Medio Rural reabre as comunicacións para queimas agrícolas e autoriza as de restos forestais amoreados
- Crónicas da comarca
- 7 may
- 1 Min. de lectura

A Consellería do Medio Rural reactivou hoxe as comunicacións para realizar queimas agrícolas por parte de particulares en Galicia. As solicitudes poden facerse a través da páxina web habilitada ou chamando ao teléfono 012, segundo informa o departamento autonómico.
As persoas interesadas en facer unha queima deben comunicar previamente a súa intención cun mínimo de dous días de antelación, polo que os permisos solicitados hoxe permitirán iniciar as queimas a partir do venres 9 de maio. No caso das comunicacións vía web, os usuarios deben confirmar que se trata dunha queima de palla ou material natural agrícola non perigoso, usado en explotacións agrícolas ou gandeiras. Se o trámite se realiza por teléfono, tamén deberán indicar esta información ao operador.
Tamén se reabren desde hoxe as solicitudes de autorización para queimas de restos forestais amoreados, unha actividade de maior risco que require autorización administrativa previa, como é habitual.
As comunicacións e autorizacións para queimas están reguladas polo artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e poderán cancelarse en días con condicións meteorolóxicas adversas, como vento forte ou altas temperaturas.
Medio Rural lembra que tanto a canle telemática como o teléfono 012 están operativos durante os días laborables para facilitar estas xestións ás persoas interesadas.




Comentarios