O alcalde de Frades reúnese co conselleiro de Presidencia para avanzar en novos proxectos de colaboración
- Crónicas da comarca
- hace 2 días
- 1 Min. de lectura

Roberto Rey presentou ao conselleiro Diego Calvo os principais proxectos municipais e avaliou vías de financiamento autonómico para a súa execución.
Frades, 14 de maio de 2025.– O alcalde de Frades, Roberto Rey, mantivo este mércores unha reunión de traballo co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, á que tamén asistiron o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. O encontro serviu para analizar as principais necesidades do municipio e explorar novas vías de colaboración institucional co obxectivo de facilitar o desenvolvemento de proxectos locais.
Durante a xuntanza, o alcalde de Frades presentou os proxectos para os que o Concello xa solicitou distintas liñas de subvención e aproveitou tamén para expuxer unha nova iniciativa de futuro, coa intención de obter apoio da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha.
Roberto Rey amosou a súa satisfacción polo resultado do encontro e destacou “o compromiso do Goberno galego coas entidades locais e a boa disposición para seguir colaborando no desenvolvemento de infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida da veciñanza”. A reunión enmárcase na liña de diálogo aberto entre a Xunta de Galicia e os concellos, co fin de reforzar a cooperación e facer máis eficaz a acción das administracións públicas no ámbito local.
Comentarios