O Concello de Cerceda recepcionou o pasado mes de outubro as obras de renovación do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que dinamizará a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.
Esta mañá visitaron a recentemente renovada construción Laura Marín, directora do Instituto para a Transición Xusta; María Rivas, subdelegado do Goberno na Coruña, e o alcalde, Juan Manuel Rodríguez. Supuxo un investimento de 131.658,90 euros, dos que 77.798,00 euros foron aportados polo ente estatal, e o resto o AGADER e fondos municipais.
O obxectivo do goberno local é que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características. O miúdo desta actividade será protagonizado pola Asociación de Mulleres da parroquia.
Así, actuouse no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo. No que se refire o interior, adecuáronse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.
Tamén se executaron todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocáronse elementos de illamento térmico nas fachadas e realizouse unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.
Laura Marín, directora do Instituto para a Transición Xusta, destacou que “hoxe vimos a visitar un edificio cuxo proxecto de desenvolvemento está moi avanzado e que se inaugurará nun curto período de tempo, no que poñemos especial énfase para dinamizar a vida dos territorios con menos densidade de poboación e onde asociarse e levar a cabo actividades é sumamente importante. Aproveito para felicitar o alcalde de Cerceda, porque se puxo moito fincapé neste proxecto e hoxe vemos os froitos destes esforzos”, recalcou.
A subdelegada do Goberno, María Rivas, subliñou que “para o Goberno, a sustentabilidade é un obxectivo irrenunciable e queremos seguir traballando no futuro pensando no Mundo que lle deixamos ós nosos fillos e fillas, facendo compatible un desenvolvemento económico lóxico cuns valores sustentables”.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “con esta remodelación queremos dinamizar Xesteda e nas vindeiras semanas faremos a entrega. Convido a que se faga unha imaxe fixa do que era esta parroquia hai tres anos e o que é hoxe. O nivel de investimento nos ámbitos da mobilidade peonil, iluminación e edificacións públicas é totalmente significativo”, asegurou o rexedor.
Outros proxectos
Juan Manuel Rodríguez visitou con Marín e Rivas a contorna do Aquapark de Cerceda, “onde desfrutaremos de dous proxectos que terán financiamento do Instituto para a Transición Xusta. Un é o que nos permitirá establecer un sistema de circulación de calor na auga aproveitando a enerxía solar, e outro é o paseo fluvial, onde se remodelarán as instalacións e se prolongará ata a estrada de titularidade provincial que conecta Cerceda con Xesteda, e que confluirá coa Vía Verde, o que suporá un desenvolvemento na mobilidade peonil vencellado ao que vén potenciando o goberno local”, asegurou o alcalde.
תגובות