O ciclo ‘Outono das Artes’ da Deputación, ofrecerá máis de 90 actividades de danza, música, teatro e audiovisual en toda a provincia
- Crónicas da comarca
- 29 ago 2025
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 9 sept 2025

A Deputación da Coruña presentou o ciclo Outono das Artes 2025, unha ampla programación cultural que levará máis de noventa actividades de música, danza, teatro e audiovisual a concellos de toda a provincia entre os meses de setembro e decembro. A deputada de cultura, Natividade González, foi a encargada de presentar o ciclo, acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de representantes de algunhas das actividades programadas.
A primeira cita será o 6 de setembro en Santiago de Compostela, no Campo de Conxo, co concerto da banda De Ninghures. A partir desa data, o programa viaxará por vilas e cidades como Ortigueira, Ferrol, Negreira, Sada, Ribeira, Oroso, Carral, Muros, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Rianxo ou Vimianzo, entre moitas outras, ofrecendo propostas que abranguen desde concertos e recitais ata pezas de danza contemporánea, teatro familiar e proxeccións audiovisuais. O calendario de setembro inclúe actividades todas as fins de semana e tamén en horarios de tarde e noite, co obxectivo de facilitar a participación de públicos diversos. As propostas van desde espectáculos pensados para a infancia e as familias ata recitais e representacións dirixidas a un público adulto, reforzando así o carácter plural e inclusivo do ciclo.
Ademais de ‘De Ninghures’, completan o programa de “Outono das Artes” artistas como Uxía, Donaire, Sumrrá, Xacarandaina ou a Orquestra de Cámara Galega; compañías de teatro como Morraoconto, Pérez & Ferández ou Os Náufragos; de danza como Morriña Dance Project, Laboratorio Escénico ou Gallaecia eventos, e producións audiovisuais como Ratiña, de Alicia Úbeda, Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ou Lévame a Idea, de Navíos e Folerpas, entre outros.
A deputada de cultura, Natividade González, subliñou que “Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades”. Engadiu tamén que “queremos que cada concello sinta este ciclo como propio: que as prazas, auditorios e casas da cultura se enchan de música, danza, teatro e cine, porque a cultura é un dereito e tamén unha ferramenta para dinamizar social e economicamente os nosos municipios”.
Pola súa banda, a alcaldesa sinalou que dende o Concello de Santiago “compartimos esa premisa de que a cultura é un dereito”, que "non pode restrinxirse" a unha época do ano ou ás festas. Goretti Sanmartín fixo fincapé, ademais, na importancia dos barrios e as parroquias na conformación da identidade compostelá e na descentralización da cultura, tanto nas vilas pequenas da contorna como na propia capital galega, como é exemplo este concerto no barrio de Conxo. Ademais, destacou que este concerto "ponlle o ramo" ás celebracións do centenario da anexión do concello de Conxo a Santiago de Compostela.
O ciclo manterase activo ata mediados de decembro, pechando cunha programación especial de teatro, danza e concertos en diferentes puntos da provincia. A programación completa, con datas, horarios e localizacións, pode consultarse nas canles oficiais da Deputación da Coruña.
Programación de setembro
· Día 6
o DE NINGHURES
o Campo de Conxo, Santiago de Compostela ás 21:00 h.
· Día 7
o DE NINGHURES
o Praza Pola da Ribeira, Espasante (Ortigueira) ás 20:00 h.
· Día 14
o NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS – DANZA
o Igrexa de Santa Maria de Mogor, O Barqueiro Mañón ás 18:00 h.
· Día 17
o RATIÑA / ALICIA ÚBEDA – AUDIOVISUAL
o Centro Cultural Torrente Ballester, Ferrol ás 20:30 h.
· Día 19
o TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO
o Casa da cultura de Ordes ás 20:00 h.
· Día 20
o TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO
o Negreira, Auditorio Afonso Eanes do Cotón ás 21:00 h.
o SERÁ POR FLORES / UXÍA – MÚSICA
o Auditorio Municipal de Ribeira ás 20:00 h.
· Día 21
o TROMSO / MORRAOCONTO – TEATRO
o Sada, auditorio auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns ás 19:00 h.
· Día 28
o NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS – DANZA
o Casino Aresano ás 20:00 h.
o DE NINGHURES – MÚSICA
o Paseo do Carboeiro, Oroso ás 14:00 h.
o 25 ANIVERSARIO / DONAIRE – MÚSICA
o Centro Cultural da Ponte Vella, Reis, Teo ás 19:00 h.




Comentarios