top of page

O Concello de Ordes abre o prazo de licitación para unha barra de bar na Festa do Champiñón


Fotografía: Turismo da Deputación da Coruña

A Festa gastronómica do Champiñón regresa a Ordes. Concretamente os días 22, 23 e 24 de abril son as datas marcadas polo Concello para volver a poder celebrar na vila un ambiente festivo, tras dous anos de parón por mor da pandemia.


Co fin de incidir no ambiente de festa, celebración e ocio, nesta ocasión o Concello de Ordes abre a posibilidade de xestionar unha barra de bar na vía pública no campo da feira. Con isto na páxina web municipal con enlace a plataforma de contratación do sector público xa se pode consultar dende hai escasos días o prego coas prescricións técnicas para a licitación desta.


O Concello non abonará ningunha cantidade pola explotación da barra e establece un canon mínimo de adxudicación para os tres días de 3.000 euros. As dimensións máximas permitidas será de 30x4 metros, cunha superficie máxima de 120 m². A conta do contratista irá tanto a instalación como a retiradas do equipamento necesario, así como os labores de limpeza e adecentamento da zona. Este deberá reunir as condicións técnicas necesarias para garantir a seguridade tanto das persoas como dos bens públicos. Tamén deberá ter subscritos os seguros obrigatorios e outro que cubra as responsabilidades que se deriven da execución do contrato.


As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 6 de abril.

Comments


bottom of page