O conselleiro de Educación e o alcalde de Frades avalían actuacións para mellorar o colexio de Ponte Carreira
- Crónicas da comarca
- 8 abr
- 1 Min. de lectura

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse co alcalde de Frades, Roberto Rey, para avaliar o estado do Colexio Público Integrado CPI de Ponte Carreira e concretar novas actuacións de mellora. No encontro, no que tamén participou o concelleiro de Educación, Manuel Ferreiro, analizáronse intervencións ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a estratexia da Xunta para modernizar os centros e adaptalos ás necesidades actuais do ensino.
Neste caso, Roberto Rey e Manuel Ferreiro fixeron fincapé na necesidade de mellorar o illamento térmico do centro escolar, a través dunha intervención nas fachadas de ambos os dous edificios así como a reparación dalgunhas humidades. Compre lembrar que a Xunta leva investido máis de 550.000 euros neste colexio, que recentemente celebrou o seu 50 aniversario, co fin de garantir que o centro sexa para os case 140 alumnos un espazo educativo accesible, eficiente e adaptado ás novas metodoloxías.
Nese sentido, tanto o Goberno galego como o Concello coincidiron na importancia de seguir avanzando en actuacións que permitan ofrecer unha educación de calidade, coa colaboración entre institucións como ferramenta clave para atender as necesidades da comunidade educativa.
Comments