O detido en relación á morte por arma de fogo dun veciño de Mesía está relacionado co tráfico de armas investigado en Ordes pola Garda Civil
- Crónicas da comarca
- hace 4 días
- 2 Min. de lectura
A Garda Civil logrou esclarecer a morte violenta dun home de 44 anos en Mesía o pasado 10 de agosto.
Un home de 35 anos, que residía coa víctima na mesma casa, foi detido como presunto autor do homicidio e por un delito de tenencia ilícita de armas.
A investigación iniciouse o domingo 10 de agosto, sobre as 17:10 horas, tras un aviso aos servizos de emerxencia sobre un posible tiroteo nunha vivenda no Lugar de Visantoña (Mesía). Cando os servizos médicos chegaron ao lugar, certificaron a morte dun home de 44 anos, natural de Ordes, por mor de feridas por arma de fogo. No momento do suceso, a vítima estaba acompañada polo propietario da vivenda, un amigo seu.
O Equipo Territorial de Policía Xudicial de Santiago de Compostela fíxose
cargo da investigación, baixo a dirección do Tribunal de Instancia de Ordes.
As primeiras pescudas permitiron localizar dúas armas de fogo curtas: unha pistola nas proximidades do corpo do falecido e un revólver que o agora detido tentara ocultar nun carreiro próximo á casa. Ambas as armas foron enviadas ao Departamento de Balística do Laboratorio de Criminalística da Zona da Garda Civil de Galicia para a súa análise.
Tras a detención, o presunto autor dos feitos foi posto ao dispor xudicial, e a titular da Praza Nº2 do Tribunal de Instancia de Ordes ordenou o seu ingreso en prisión.
De maneira paralela, a Sección de Información da XV Zona da Garda Civil de Galicia levou a cabo unha operación policial o 13 de agosto no municipio de Ordes, onde se realizaron cinco rexistros domiciliarios no marco dunha investigación sobre tráfico de armas na que aparecía relacionado o home falecido, o que precipitou a mesma.
Como resultado destes rexistros, nos que participaron efectivos de USECIC
(Unidade de Seguridade Cidadá), UOPJ (Unidade Orgánica de Policía Xudicial) e TEDAX (Técnicos Especialistas en Desactivación de Explosivos), incautouse un importante arsenal de armas e municións, incluíndo:
Dúas escopetas de avancarga.
Unha pistola de aire comprimido.
Un revólver despiezado.
Un rifle calibre 22.
Dúas pistolas de avancarga.
Unha pistola detonadora.
Tres canóns de arma longa.
Uns 196 cartuchos de munición de diversos calibres.
As actuacións relacionadas con esta incautación enmárcanse nas Dilixencias Previas do Procedemento Abreviado do Tribunal de Instancia de Carballo. A investigación sobre a procedencia e uso destas armas continúa aberta.
Comments