top of page

Ordes e Oroso lideran as vendas do programa da Deputación MercaNaVila na comarca de Santiago

ree

MercaNaVila é un programa da Deputación da Coruña e conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a impulsar as vendas nos pequenos establecementos e fomentar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.

A campaña permite que calquera persoa poida descargar os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades, pero as compras deben realizarse obrigatoriamente nas case 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.

A comarca de Santiago sitúase entre as zonas con maior dinamismo comercial no programa MercaNaVila, a iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Segundo o informe de vendas do programa, os concellos de Ordes, Arzúa, Oroso, Santa Comba e Padrónencabezan a actividade da comarca, cun volume conxunto de máis de 529.000 euros en vendas, o que representa case o 19,4 % do total provincial, que ascende a 2.723.068,35 euros.

O municipio de Ordes lidera claramente a zona con 205.304,63 euros en vendas (7,54 % do total provincial), seguido de Arzúa, con 116.133,91 euros, Oroso con 74.776,68 euros, Santa Comba con 74.006,67 euros, e Padrón con 59.472,03 euros.

Tamén destacan as cifras doutros concellos da área como O Pino, Mesía, Vedra, Val do Dubra ou Rois, que suman entre todos preto de 50.000 euros adicionais, consolidando o peso do interior da provincia na dinamización do comercio local.

O presidente da Deputación,Valentín González Formoso, salientou que“o éxito de MercaNaVila na comarca de Santiago confirma que o pequeno comercio segue sendo unha das grandes fortalezas do noso territorio. Este programa permite activar o consumo, apoiar o emprego local e xerar cohesión nas vilas e aldeas da provincia”.

Comentarios


bottom of page