top of page

Paula Noya Mellado, de 7 anos, do Club Xadrez Oroso, campioa do prestixioso Torneo Robin Chess en Santander

Actualizado: hace 19 horas



A comarca de Ordes continúa a dar grandes nomes no mundo do xadrez. Esta fin de semana, a xogadora Paula Noya Mellado, de tan só 7 anos e pertencente ao Club Xadrez Oroso, proclamouse campioa do prestixioso Torneo Robin Chess, celebrado este domingo na cidade cántabra de Santander.


Nun evento de carácter mixto que reuniu a centos de xogadores e xogadoras de todo o Estado, Paula destacou cun rendemento excepcional, acadando 7 vitorias nas 9 roldas disputadas e finalizando a só 1 punto do campión masculino absoluto do torneo. Unha auténtica fazaña para unha xogadora da súa idade.


Este éxito confirma a impresionante evolución da moza xadrecista, que comezou a competir regularmente este ano. Ata o de agora, limitábase a acompañar ao seu irmán ás competicións, pero nos últimos meses colleu o protagonismo propio. O pasado mes proclamouse Campioa Galega da súa categoría, mérito que lle permitirá representar a Galicia no Campionato de España que se celebrará este verán en Almería.


O labor formativo do Club Xadrez Oroso está detrás destes éxitos. Os adestradores Roberto, Xesús e Martín son os responsables de acompañar a Paula no seu desenvolvemento técnico e persoal dentro desta disciplina, e xa a ven como unha das grandes promesas do xadrez galego.


A familia Noya Mellado non deixa de dar alegrías ao club. O irmán de Paula, Christian Noya Mellado, tamén completou un excelente torneo en Santander, con 7 puntos de 9 posibles, finalizando a 1,5 puntos do campión da súa categoría. Un resultado que confirma o seu bo momento competitivo e a calidade dun xogador xa habitual en podios autonómicos.


Desde o Club Xadrez Oroso manifestaron o seu orgullo polos dous irmáns e agradeceron a dedicación das familias e o esforzo diario dos nenos e nenas que conforman a súa canteira. "É un orgullo contar con deportistas así no noso club, que combinan talento, esforzo e humildade", sinalan desde a directiva.


A comunidade educativa e deportiva da comarca celebra este novo éxito dunha pequena xadrecista que xa é unha gran campioa, e que segue dando pasos firmes cara a un futuro cheo de posibilidades no mundo do xadrez.

Comments


bottom of page