top of page

A Casa Grande de Xanceda busca "tiktoker de vacas" por 2.000 euros e unha fin de semana na natureza


A Casa Grande de Xanceda, a emblemática granxa familiar ecolóxica de Mesía, puxo en marcha unha orixinal acción para celebrar o Día Mundial do Leite, que tivo lugar onte 1 de xuño. Así, a Casa Grande busca un 'tiktoker' de vacas para gravar contido na súa granxa os días 1 e 2 de xullo. A remuneración, ademais dunha fin de semana todo incluído nas instalacións con ata unha persoa acompañante, é de 2.000 euros.


A ou o tiktoker deberá gravar a súa aventura na granxa e publicar contido nas redes sociais. Terá ao seu dispor unha camper completamente equipada para unha experiencia perfecta. Durante a fin de semana participará en actividades como o adestramento con cans, muxido de vacas, paseo pola granxa e visita ao Espazo Natural Protexido da Casa Grande de Xanceda, ou ás fragas e brañas do Alto Gaiteiro. Tamén agroioga ou ioga entre vacas e visita ás colmeas da granxa.


As persoas interesadas poden postularse enviando a súa candidatura antes do 11 de xuño. Deberán subir un vídeo na web tiktokerdevacas.com explicando por que merecen o posto. Sen dúbida, unha forma moi orixinal de celebrar un alimento fundamental como o leite.


bottom of page