A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes, o organismo que trata de sumar sinerxías entre os Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, está poñendo en marcha un proxecto de definición conxunta da estratexia turística da Comarca nos vindeiros anos. “É de interese común de todos os concellos e do sector empresarial analizar todos os aspectos que leven a unha mellora da economía e da creación de emprego na comarca”, salientan.
Para converter a comarca de Ordes nun destino competitivo consideran que urxe un “plan estratéxico consensuado entre o sector público e o sector privado” que sirva para “mellorar a difusión dos nosos recursos e traballar en rede”, sinalan dende a Mancomunidade. Recordan o “riquísimo patrimonio, historia, medio natural e gastronomía que podemos e debemos pór en valor”.
A Mancomunidade desexa reforzar o carácter competitivo da comarca como destino logo da pandemia, para aproveitar ao máximo “a proximidade ao primeiro destino turístico de Galicia que é Santiago, máxime tendo en conta os Anos Santos de 2021 e 202”. A comarca de Ordes é un “destino rural, familiar e seguro”, consideran.
Por este motivo, fan un chamamento a “todas aquelas persoas, empresas ou entidades que realicen ou teñan intención de realizar calquera acción relacionada co sector turístico, que se poñan en contacto coa mancomunidade xa que é un dos obxectivos principais do proxecto coñecer todo o que se está a facer na comarca e que poida ser de interese para as persoas que nos queiran visitar”.
Entre as accións previstas están á posta en marcha dun novidoso sistema de venda cruzada entre aloxamentos e empresas de ocio, así como a realización de tres cursos de formación: atención ao cliente por whatsapp business -impartido por Alberto Falcón-; Impactic e internet de empresa paso a paso, de Manuel Pan; e preparación de produtos do campo para a súa venda, impartido por Miguel Silvarredonda.
Estas e outras accións serán postas en marcha nas vindeiras semanas coa idea de axudar ás empresas da comarca a prepararse para a nova realidade empresarial. Tanto a Mancomunidade como a Deputación da Coruña que apoia este proxecto queren animar a todas as empresas e entidades da comarca a aproveitar esta oportunidade.
Comentarios