top of page

A primeira Casa do Maior de Frades, a piques de comezar a funcionar


Grazas á iniciativa de Susana Rodríguez Mirás, vai botar a andar a primeira Casa do Maior en Frades nas vindeiras semanas. Susana decidiu emprender, investir e facerse autónoma para poñer en funcionamento este servizo, único na localidade. Para iso, cedéuselle un local que ela mesma está a rehabilitar e acondicionar para poñer en marcha a Casa do Maior "O Noso Fogar" de Frades


As Casas do Maior son "pequenos centros de día gratuitos" subvencionados pola Xunta de Galicia que permiten que os concellos que non contan con este tipo de servizo poidan ofrecer terapias e actividades aos maiores dentro da súa contorna. Susana vai ser a encargada de atender a primeira Casa do Maior de Frades que vai ter as súas instalacións na antiga escola de Vistalegre na parroquia de Galegos.

O Concello de Frades agarda que en próximas convocatorias saian adiante máis iniciativas locais de Casas do Maior, da mesma maneira que se crearon as tres casas niño para infancia de 0 a 3 anos.


A Casa do Maior terá cinco prazas, que poden ser solicitadas polas persoas interesadas no servizo, sempre que sexan maiores de 60 anos e terán preferencia as persoas que teñan recoñecido un grao I ou II de dependencia.


O horario de atención será de luns a venres de 9:00 a 17:00h ( 8 horas ó día), aínda que dependerá da demanda dos usuarios e usuarias. O servizo é gratuito e inclue o desprazamento, existe tamen a posibilidade de xantar no local pagando 5€ cada día.


O Concello ofrece máis información nos servizos sociais municipais, que serán os que tramiten a solicitude de praza na Casa do Maior á Xunta de Galicia. Deséxanlle moita sorte a Susana neste novo proxecto.


Comentarios


bottom of page